O Alcalde preside os actos na honra da Virxe de Montserrat, no día grande das Festas Patronais de Monforte

Monforte de Lemos, 15 de agosto de 2026. Na mañá de hoxe, día grande das Festas Patronais de Monforte, o Alcalde José Tomé Roca, encabezando a comitiva institucional, presidiu os actos litúrxicos na honra da Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat.

A comitiva oficial encabezada polo Alcalde e formada polo Equipo de Goberno, membros da Corporación Municipal, así como por representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e  diversas autoridades, partiu ás 10.30 horas desde a Praza do Concello, como é tradición, para dirixirse á igrexa de San Vicente do Pino acompañada polo Grupo de Gaitas da Escola Municipal de Monforte de Lemos.

Na chegada da comitiva oficial á igrexa de San Vicente, o rexedor foi recibido polo párroco D. Rafael e deu comezo a Eucaristía na honra da Virxe de Montserrat, que foi cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte.

A continuación, celebrouse no adro da igrexa a procesión e ofrenda floral á Virxe de Montserrat na que o Alcalde de Monforte, acompañado pola súa esposa, depositou flores ante a Virxe. Tras el, fixérono o resto de membros da Corporación Municipal e demais autoridades presentes, e deseguido, todos aqueles veciños, veciñas e visitantes que quixeron render sentida homenaxe á Virxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

Día do Gaiteiro e Mostra de Danza e Música Tradicional

Na xornada grande das Festas Patronais de Monforte celébrase tamén o tradicional Día do Gaiteiro, no que participan Redegaita, Lemavos 1, O Cego da Veneira, Gaiteiros de Lemos, Os Triskeles, Os Xograres, Merenzao e Lemavos 2, con pasarrúas pola cidade desde as 11.30 horas.

Pola tarde, ás 20.30 horas, terá lugar na Praza de España a Mostra de Danza e Música Tradicional e, á medianoite, o primeiro dos dous espectáculos de fogos artificiais que ofrecen as Festas Patronais de Monforte, que se lanzarán desde San Vicente ás 12 da noite. Mañá domingo, a sesión de fogos será a mesma hora, desde o río Cabe.

 

Concerto de Walls e grupos locais

No que se refire aos concertos da Praza da Compañía, este sábado será a quenda de Walls, con protagonismo para os grupos locais, a cargo de Doc Magoo’s e Malenne.

A programación completa desta xornada e do domingo 16 é a seguinte:

 

Sábado 15. Día da Patroa:

  • 10:00 h. Lanzamento de bombas de palenque.
  • 11:00 h. Misa e ofrenda floral á Virxe de Montserrat, na Igrexa de San Vicente do Pino.
  •  11:30 h. DÍA DO GAITEIRO. Alboradas con grupos de gaiteiros. Saída desde a praza de España e percorrido por diferentes rúas.
  • 13:30 h. Concentración dos grupos tradicionais no centro urbano e actuacións ata ás 15:00 h. en diferentes espazos (Praza de Abastos, Praza Doutor Goyanes, centro da cidade, rúa Hermida Balado, Praza de España, avenida de Galicia-taxis, Praza dos Chaos e rúa Cardeal).
  • 20:30 h. Mostra de Danza e Música Tradicional, na praza de España.
  • 22.30 h. Doc Magoo’s, na praza da Compañía.
  • 00:00 h. Fogos Artificiais dende San Vicente
  • 00:30 h.- WALLS, na praza da Compañía.
  • 02:00 h. Malenne, na praza da Compañía.

 

Domingo 16:

  • 12:00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Animar-T. Rúa Cardeal.
  • 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Francis Zafrilla. Praza de España.
  • 19.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Animar-T. Rúa Cardeal.
  • 20.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Francis Zafrilla. Praza de España.
  • 20:30 h. Batucada Baturruca. Desde Rioseco e barrio da Estación, rúas Calvo Sotelo e Roberto Baamonde, ata o centro da cidade.
  • 20.30 h. Os Xograres de Lemos. Pasarrúas desde os barrios de A Pinguela e Carude ata o centro da cidade.
  • 22:00 h. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía.
  • 00:00 h. Fogos Artificiais desde o río Cabe.
  • 00:30 h. ORQUESTA PANORAMA, na praza da Compañía.
  • 02:30 h. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía.
  • 03:30 h. ORQUESTA PANORAMA, na praza da Compañía.