O Concello de Monforte destina unha partida de 35.000€ para axudar ás familias cos gastos do inicio do curso escolar

Monforte de Lemos, 25 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia que a Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns, 24 de agosto, a concesión das axudas destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso escolar 2026/2027, das que resultaron beneficiarias un total de 189 persoas.

Estas axudas, destinadas ás familias con menor renda per cápita do municipio e con maiores dificultades económicas para afrontar os gastos asociados ao inicio do curso escolar, contan cunha dotación máxima de 35.000 euros, despois de que o Equipo de Goberno decidise incrementar en 5.000 euros a contía destinada a esta convocatoria respecto do ano anterior.

En todo caso, e coa idea de dar a maior cobertura posible, o Alcalde apunta que “se algunha familia, por estar fora de prazo ou porque non tivo información sobre a convocatoria, quedou fora do programa, pode acudir aos Servizos Sociais do Concello e a súa petición será valorada, podendo ser atendido ata esgotar o crédito dispoñible”.

O Alcalde destaca que “desde o Concello queremos que as familias con menos recursos económicos poidan afrontar con maior tranquilidade os gastos que supón o inicio do curso escolar, por iso decidimos incrementar este ano a partida destinada a esta convocatoria”.

Nesta liña, José Tomé salienta que “estas axudas forman parte do compromiso do meu Equipo de Goberno de apoiar ás familias monfortinas, especialmente ás que se atopan nunha situación económica máis desfavorable, e de contribuír a que ningún neno ou nena teña dificultades para contar cos libros e co material necesario para iniciar o curso escolar”.

Tal e como establecían as bases da convocatoria, as axudas están destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado no curso 2026/2027 en educación infantil (3-5 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

 

Entrega de vales, a partir deste mércores 26 de agosto

Unha vez aprobada a concesión da axuda económica, as contías serán aboadas aos beneficiarios mediante a entrega dun vale, que será único por cada solicitude e estará selado e asinado pola Concelleira de Servizos Sociais. Os vales comezarán a entregarse a partir deste mércores, 26 de agosto, na Secretaría do Centro de Servizos Sociais do Concello de Monforte de Lemos.

Deste xeito, a persoa beneficiaria deberá acudir á Secretaría do centro de  Servizos Sociais do Concello, no Paseo do Malecón, para retirar o vale da axuda concedida no prazo de 1 mes desde a publicación da resolución de concesión. No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase que existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa.

No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2026/27.

Unha vez que a persoa solicitante este en posesión do vale, poderá adquirir os libros e material escolar nas librarías de Monforte de Lemos, a súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento, e cun prazo máximo ata o 30 de setembro de 2026.

A persoa beneficiaria deberá identificarse para usar o vale e, no caso de extravío tanto pola persoa beneficiaria coma pola libraría, non se expedirá un novo vale.

Se o importe dos libros e/ou material escolar adquirido é inferior ó valor do vale, o persoal do establecemento deberá establecelo na factura correspondente ao interesado que emitirá o Concello de Monforte de Lemos facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza; se o importe do gasto fose superior ao do vale, o persoal do establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante. O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale.

Así mesmo, os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.

Unha vez recibido o material escolar, a persoa solicitante entregará o vale asinado, autorizando a cesión do cobro ao establecemento autorizado.

Os establecementos deberán presentar as facturas a nome da persoa beneficiaria acompañadas dos vales correspondentes no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos emprazado na Praza de San Antonio s/n de Monforte de Lemos antes do 31 de outubro do 2026 co fin de que a Comisión de Avaliación  promova a conformidade das facturas e se proceda ao seu pagamento polos servizos de Intervención municipais.