Monforte de Lemos, 26 de agosto de 2026. O Alcalde, José Tomé Roca, inaugurou esta tarde a XXVII Feira do Libro de Monforte, que se celebra desde hoxe e ata o sábado 29 na zona peonil da céntrica rúa Cardeal. Este evento literario forma parte do programa Verán Cultural do Concello de Monforte e pecha o calendario de Feiras do Libro 2026 da Federación de Librerías de Galicia logo de percorrer outros 12 municipios galegos.
O acto contou coa participación da Deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández; a xerente da Federación de Librarías de Galicia, Olaya Tembra, e a escritora bovedense Yolanda Álvarez Castro, que foi a encargada de pronunciar o pregón desta edición.
Durante a inauguración, o Alcalde puxo en valor que esta cita literaria en Monforte alcance xa a súa 27ª edición, ademais de poñer o colofón ao calendario das Feiras do Libro de Galicia de 2026, que percorreu un total de 13 localidades galegas.
José Tomé salientou que durante estes días “Monforte convértese nun punto de encontro entre os libros, os autores e autoras, e as persoas que poñemos eses libros nas nosas mans e desfrutamos coa súa lectura”. Neste sentido, animou á veciñanza e ás persoas que visitan a cidade a achegarse á Feira, participar nas actividades programadas ata o sábado e descubrir as novidades literarias que ofrecen as librarías participantes.
O rexedor monfortino fixo especial fincapé na importancia das feiras do libro como instrumento para achegar a literatura a novos públicos e captar novos lectores, especialmente entre os nenos, nenas e a xente moza. “É importante que quen aínda non ten o hábito de ler poida descubrir, a través destas iniciativas, novas historias e novas formas de mirar o mundo, dependendo dos gustos de cada persoa”, sinalou.
Así mesmo, indicou que fomentar a lectura desde idades temperás é fundamental, xa que “é durante os primeiros anos cando se constrúe o hábito lector”. Por iso, subliñou o valor de presentar os libros aos máis pequenos a través de historias atractivas que lles permitan descubrir que “ler tamén é xogar, imaxinar e aprender”.
Con todo, José Tomé, agradeceu expresamente o traballo das librarías participantes, dos escritores e escritoras, das editoriais, das persoas responsables das diferentes actividades e dos traballadores e traballadoras que fan posible o desenvolvemento da Feira
Unha pregoeira da Ribeira Sacra
O Alcalde destacou a elección da escritora Yolanda Álvarez Castro como pregoeira da XXVII Feira do Libro, ao tratarse dunha autora de Bóveda e, polo tanto, dunha escritora vinculada á comarca da Ribeira Sacra, e puxo en valor a traxectoria da autora vinculada ás artes, á educación e á cultura como profesora de baile e animadora sociocultural, así como o seu inicio no mundo editorial con ‘O misterio do tulipán’, un conto infantil inspirado nos seus fillos.
Neste sentido, José Tomé considerou que Yolanda Álvarez é “unha magnífica pregoeira” para esta Feira do Libro, precisamente pola súa capacidade para achegar a literatura aos máis novos e transmitir a súa paixón polas letras a través dos seus contacontos e actividades de animación á lectura.
Sete casetas e catro xornadas de actividades
A XXVII Feira do Libro de Monforte conta nesta edición con sete casetas, tres delas correspondentes a establecementos da propia cidade: Librería Entre Libros, Libraría Agrasar e Librería Pelayo-Peruchela Edicións. Completa a oferta a presenza de ULA Libraría Social, de A Coruña; Libraría Cartabón, de Vigo; o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, e A Gata Tola, de Santiago de Compostela.
O programa inclúe presentacións de libros, sinaturas de autores e autoras, encontros literarios, poesía, contacontos, espectáculos infantís e actividades para públicos de todas as idades.
Entre as propostas destaca a participación de escritores e escritoras da Ribeira Sacra e do conxunto de Galicia, contribuíndo a dar visibilidade ao talento literario local e galego.
O horario de apertura das casetas ata o sábado 29 é de 11:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. Todos os libros que se adquiran nesta Feira do Libro monfortina contarán cun desconto do 10%.
PROGRAMACIÓN DA 27ª FEIRA DO LIBRO DE MONFORTE
MÉRCORES 26 DE AGOSTO
CARPA DE ACTIVIDADES
19:00 Acto inaugural da Feira do Libro de Monforte, pregón a cargo de Yolanda Álvarez.
20:30 Pura Tejelo presenta “Vestidos de organdí”.
CASETAS LIBRARÍAS
19:00 Alba López Paredes asina “Nándinor, La leyenda de Noa e Glesea”, na caseta da libraría A Entre Libros.
19:00 Hilda Honorata Suárez asina “Andante solitario”, na caseta da Editorial Peruchela.
20:00 Francisco Narla asina “Ultreia/Suseia”, na caseta da libraría Agrasar.
XOVES 27 DE AGOSTO
CARPA DE ACTIVIDADES
19:00 Cris de Caldas presenta o espectáculo “A bibliotecaria estrafalaria”. Contos, humor, música, e mesmo un chisco de maxia para toda a familia.
20:00 Presentación de “Conciencia dunha tradición. A olería de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós”. Participan Luis Hixinio Flores, Óscar Lantes-Suárez, Mª Pilar Prieto, Manuel Fernández “Lolo”, Orlando Viveiro e Iria Castro, Deputada delegada de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística.
21:00 Presentación do poemario “Lágrimas verdes”, de Francisco García-López, acompañado pola escritora e divulgadora Techi León.
CASETAS LIBRARÍAS
11:00 Alba López Paredes asina “Nándinor, La leyenda de Noa e Glesea”, na caseta da libraría A Gata Tola.
11:00 Carlos Villarrubia asina “El hombre nube”, na caseta da libraría Entre libros.
11:00 Manuel Fco. Cao Rodríguez asina “XXXIII Contos” e “O último gaiteiro”, na caseta da editorial Peruchela.
12:00 Rosa Barreiro asina “Ecos del interior: escucha tu alma”, na caseta da libraría Agrasar.
19:00 Alba López Paredes asina “Nándinor, La leyenda de Noa e Glesea”, na caseta da libraría A Gata Tola.
19:00 Noelia Casanova asina “El gran E-Dock”, na caseta da libraría Entre Libros.
19:00 Mars Carballo Losada asina “Colores en el viento” e “Danza de acero”, na caseta da libraría Agrasar.
19:00 Patricia Mariño Rodríguez asina “Quero salvarte amigo mar/Quiero salvarte amigo mar”, na caseta da editorial Peruchela.
20:00 Yolanda Álvarez asina “Pedro e o vagalume”, na caseta da libraría Agrasar.
VENRES 28 DE AGOSTO
CARPA DE ACTIVIDADES
12:00 Gloria Guerrero García presenta “Devagar pola Ribeira Sacra”, acompañada pola editora Rocío Rodríguez.
19:00 Espectáculo infantil “C@nto contigo” de Paco Nogueiras.
20:00 Sonia María García García presenta “Toca. El yugo de Roma”, acompañada por Carlos López Mouriz.
21:00 “Gañar un premio”. Abril Camino e Óscar Guzmán conversan arredor dos libros “Mulleres que viven xuntas”, Premio Xerais de Novela e “Só os mortos saben a verdade”, Premio de Novela curta Manuel Loureiro Rey
CASETAS LIBRARÍAS
11:00 Alba López Paredes asina “Nándinor, La leyenda de Noa e Glesea”, na caseta da libraría A Gata Tola.
11:00 Lucía Vázquez asina “Respira Carmela”, na caseta da libraría Entre Libros.
11:00 Vicente Touzón Veiga asina “Desde mi aldea/Desde a minha Aldea - Memorias do Courel e outras historias”, na caseta da Editorial Peruchela.
12:00 Esteban A. Jiménez asina “Niño de barro y su metamorfosis”, na caseta de Agrasar.
12:30 Silvia Tasende asina “Pel Memoria”, na caseta da libraría Ula Libraría Social.
13:00 Loli Rodríguez asina “Nailía”, na caseta da libraría Agrasar.
19:00 Alba López Paredes asina “Nándinor, La leyenda de Noa e Glesea”, na caseta A Gata Tola.
19:00 Raiza López Henríquez asina “Venezuela en mí”, na caseta da libraría Entre Libros.
19:00 Anxo Muiños asina “As mulas rabuñan o xeo” e “Ri”, na caseta da Editorial Peruchela.
19:00 Abril Camino asina “Mulleres que viven xuntas”, na caseta da libraría Agrasar.
19:00 Óscar Guzmán asina “Só os mortos saben a verdade”, na caseta de Ula Libraría Social.
SÁBADO 29 DE AGOSTO
CARPA DE ACTIVIDADES
12:00 Contacontos “Pedro e o vagalume” con Yolanda Álvarez.
19:00 Teatro para familias. Pedras de cartón representa a obra “Alicia”. Un espectáculo pensado para gozar en familia, que convida a rir, sorprenderse e deixar voar a imaxinación.
19:30 “Conversa sobre novela negra”: Arantza Portabales e Rober Cagiao conversan arredor das súas novelas. Modera Óscar Guzmán.
20:30 Xulio Pardo de Neyra presenta “Toda a eternidade nun ollar palabras. Tareixa e Marica Campo, Casa e Terra”.
21:00 Poesía Micro aberto.
CASETAS LIBRARÍAS
11:00 Fernando Domínguez asina “Hasta el mar”, na caseta da libraría Entre Libros.
11:00 Eduardo Montagut asina “La larga posguerra”, na caseta da Editorial Peruchela.
12:00 Fernando Méndez asina “La clave de Mozart”, na caseta da libraría Agrasar.
12:00 Alba Formoso Ramos asina “Entre incienso y recuerdos”, na caseta de ULA Libraría Social.
19:00 Xulio Pardo de Neyra asina “Toda a eternidade nun ollar palabras. Tareixa e Marica Campo, Casa e Terra”, na caseta da Editorial Peruchela.
20:00 Lucía Román asina “El linaje del Cormorán” na caseta da libraría Agrasar.
20:30 Arantza Portabales asina “Asasinato no muiño do cura”, na caseta da libraría Entre Libros.