
Monforte de Lemos, 27 de agosto de 2026. A Praza de España de Monforte acolle esta noite a derradeira cita do V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, unha iniciativa do Concello de Monforte que forma parte do Programa do Verán Cultural e que ten por obxectivo poñer en valor o talento local e levar a música en directo a diferentes espazos da cidade.
Tralas actuacións a semana pasada dos grupos SEGUNDA PARTE, ROCKIN’KB, NECTARINE SOUL, GALGA BLUES BAND e BELLA CHAOS, a música en directo regresou esta semana con tres novas xornadas de concertos. O primeiro tivo lugar onte na Praza da Estación, a cargo de MOVILLA Y LOS IRREPETIBLES, continuou o mércores na Praza da Compañía, con DEUCE e LOS JINETES DEL TRÓPICO, e finaliza hoxe, na Praza de España coas actuacións de 7 ROJO, ás 22.30 hroas, e EL MUNDO DE SOFÍA BAND, ás 00:00 horas.
O Alcalde José Tomé, que asistiu a todas as actuacións acompañado de outros membros do Equipo de Goberno, lembra que o obxectivo deste ciclo de concertos é, precisamente, dar visibilidade e proxección ás bandas de música local ofrecendo aos artistas monfortinos un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante o público. “Queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”, indica. Deste xeito, a programación funciona como un punto de encontro entre os músicos locais e a veciñanza, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade cultural de Monforte.
XOVES 27 DE AGOSTO
- 22:30 H PRAZA DE ESPAÑA 7 ROJO
- 00:00 H PRAZA DE ESPAÑA EL MUNDO DE SOFÍA BAND