
Monforte de Lemos, 28 de agosto de 2026. O Concello de Monforte organiza o vindeiro sábado 5 de setembro a o IV Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra, unha cita que reunirá na cidade a arredor de 350 persoas integradas nunha trintena de asociacións de palilleiras. Esta cifra de participación é, polo de agora, provisional, xa que o prazo de inscrición está aberto ata o 1 de setembro e faltan asociacións de palilleiras por inscribirse, que teñen manifestado a súa vontade de participar.
O encontro, dedicado a amosar ao público xeral e poñer en valor a tradición e a arte do encaixe de palillos, desenvolverase na Explanada da Compañía, en horario de 10:30 a 19:00 horas, e está organizado polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra.
Ademais, a xornada contará con 10 postos de venda especializados en materiais para palillar e encaixes procedentes de diferentes localidades galegas e tamén de Madrid, que permitirán ás participantes e ao público interesado coñecer e adquirir diferentes produtos relacionados con esta actividade.
Así mesmo, e como parte do recoñecemento ao labor desenvolvido polas persoas que manteñen viva esta tradición, o Concello de Monforte fará entrega dun agasallo institucional ás representantes de cada unha das asociacións participantes.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a importancia desta iniciativa impulsada polo seu Equipo de Goberno para dar visibilidade ao traballo das palilleiras: “Desde o Concello de Monforte queremos seguir apoiando e poñendo en valor o traballo das palilleiras, que con paciencia e dedicación manteñen viva esta tradición artesanal. Ademais, este encontro permite que Monforte sexa un punto de encontro para centos de persoas que comparten a súa paixón polos encaixes e polos palillos”, sinala o rexedor.
O IV Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos consolídase así como unha cita de referencia no sur de Lugo e no territorio da Ribeira Sacra para as persoas afeccionadas a esta actividade, favorecendo o intercambio de experiencias e coñecementos entre asociacións.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
10:30 h.- Recepción das palilleiras
11:00-14:00 h.- Palillada
12:00 h.- Inauguración da xuntanza de palilleiras.
14:00 h.- Xantar
16:00 h.- Palillada
17:00 h.- Sorteo de agasallos
19:00 h.- Despedida
