O Alcalde anuncia a adxudicación do contrato para modernizar a rede de comunicacións do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 31 de agosto de 2026.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da adxudicación á empresa Orange Espagne S.A.U do contrato para a prestación dos servizos de comunicacións municipais, que integran a telefonía fixa, telefonía móbil, datos e internet tanto no Concello de Monforte como nos seus centros dependentes.

O contrato desenvolverase durante un período de 4 anos por un importe total de 144.665,18 euros, coa posibilidade de engadir 1 ano adicional de prórroga.

O Alcalde explica que no actual contexto de avance das tecnoloxías de comunicación faise necesario dispoñer dun servizo integrado que englobe as diferentes prestacións.  Trátase , polo tanto, dun contrato de provisión de servizos de comunicacións baseados nunha rede multiservizo única (voz e datos) que os licitadores deberán deseñar e implantar de forma tal que se garantan os acordos de nivel de servizo necesarios nas infraestruturas e nos propios servizos prestados sobre elas.

A finalidade deste contrato, indica o rexedor, “é manter, potenciar e mellorar os sistemas de comunicacións, impulsando o despregue da administración electrónica e as relacións coa cidadanía tanto no Concello de Monforte como nos seus centros adscritos”.

Para satisfacer as necesidades do Concello e modernizar a súa rede de comunicacións, o contrato dotará dunha rede virtual corporativa de voz e datos ás súas sedes principais.

A adxudicataria deberá proporcionar unha rede de datos privada baseada en tecnoloxía MPLS, con conexións seguras mediante accesos de fibra óptica, permitindo a interconexión dos distintos centros de forma privada.

Así mesmo, disporase de mecanismos de redundancia para garantir a continuidade do servizo ante posibles incidencias. Neste senso, a empresa que resulte adxudicataria, deberá asegurar os niveis de calidade e as medidas de seguridade adecuadas.