O Alcalde inaugura o IV Encontro de Palilleiras, que reúne en Monforte arredor de 400 participantes de 34 asociacións

Monforte de Lemos, 5 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou hoxe o IV Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra, que se celebra na Explanada da Compañía, unha xornada organizada polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, que reúne na cidade arredor de 400 persoas integradas en 34 asociacións de palilleiras, procedentes de diferentes puntos de Galicia e tamén de Castela e León e da provincia de Huelva.

Ao longo da xornada, as participantes puideron compartir técnicas, experiencias e coñecementos, mostrando ao público o traballo, a precisión e a dedicación que hai detrás de cada peza realizada con palillos.

A xuntanza contou tamén coa participación dunha decena de postos de venda especializados en encaixes e materiais para palillar, procedentes de diferentes localidades galegas e de Madrid, que permitiron ás participantes e ao público interesado coñecer e adquirir produtos relacionados con esta actividade.

Na súa intervención no acto inaugural, o rexedor destacou a elevada participación nesta cuarta edición e puxo en valor a consolidación dunha iniciativa que, segundo sinalou, “é unha cita imprescindible no noso calendario de actividades e, en particular, no programa do Verán Cultural do Concello de Monforte”. Así mesmo, subliñou que o encontro representa unha oportunidade para recoñecer o traballo das persoas que manteñen viva esta tradición artesanal.

O Alcalde destacou especialmente o papel que desempeñan as propias asociacións na conservación e transmisión desta actividade e reafirmou a aposta do Concello de Monforte por esta actividade: “Desde o Equipo de Goberno temos moi claro que as administracións debemos apoiar aquelas iniciativas que contribúen a manter vivas as nosas tradicións e que, ao mesmo tempo, son capaces de crear espazos de encontro, de convivencia e de intercambio de coñecementos”, explicou.

Para o rexedor, unha das claves da xornada é precisamente a capacidade de reunir persoas de diferentes lugares arredor dunha mesma afección. “Aquí hoxe non só palillades, senón que compartides experiencias, técnicas e coñecementos, para que esta arte poida seguir pasando de xeración en xeración”, sinalou.

 

Unha fiestra ao público

Destacou tamén que o encontro permite achegar esta tradición ao conxunto da cidadanía, abrindo a actividade ao público e permitindo coñecer de primeira man o traballo que existe detrás de cada peza. “Con esta xuntanza abrimos unha fiestra ao público, para que os monfortinos e monfortinas, e tamén as persoas que nos visitan, poidan achegarse e coñecer de primeira man o traballo, a precisión e a beleza que hai detrás de cada peza realizada con palillos”, explicou.

A presenza de preto de 400 participantes procedentes de diferentes territorios tamén foi posta en valor polo Alcalde pola súa contribución á promoción da cidade. “Un encontro como este tamén contribúe á divulgación de Monforte e da Ribeira Sacra, porque permite que persoas procedentes de diferentes lugares coñezan a nosa cidade e leven consigo unha parte da experiencia vivida aquí”, afirmou.

Neste sentido, José Tomé destacou a importancia de que as actividades organizadas polo Concello sirvan tamén para poñer en valor o patrimonio monfortino e favorecer que as persoas que visitan a cidade descubran os seus principais atractivos.

Como mostra de agradecemento pola súa presenza e polo labor que realizan na conservación desta tradición, o Concello de Monforte fixo entrega dun agasallo institucional ás representantes das 34 asociacións participantes.

Con esta cuarta edición, o Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra consolídase como unha cita de referencia no sur de Lugo e na Ribeira Sacra, favorecendo o intercambio de experiencias e coñecementos e contribuíndo á conservación e difusión dunha tradición artesanal que continúa viva grazas ao traballo das asociacións e das persoas que a practican.

 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

10:30 h.- Recepción das palilleiras

11:00-14:00 h.- Palillada

12:00 h.- Inauguración da xuntanza de palilleiras.

14:00 h.- Xantar

16:00 h.- Palillada

17:00 h.- Sorteo de agasallos

19:00 h.- Despedida