Monforte de Lemos, 6 de setembro de 2026. O Concello de Monforte conmemora este domingo 6 de setembro a Xornada Europea da Cultura Xudía, a través de dúas visitas guiadas á zona de ámbito xudeu de Monforte, con saída diante da Oficina de Turismo (Rúa do Comercio, 6) ás 11:30 e as 18:00 horas.
As visitas teñen carácter gratuíto e unha duración prevista de hora e media. O investigador monfortino Felipe Aira, é o encargado de dirixir o itinerario que percorre o casco histórico con paradas en espazos moi significativos como a rúa Santo Domingo e a muralla, a Praza de Pescaderías, a rúa da Falagueira, a Porta Nova ou o Campo da Virxe.
O numeroso público que participou na sesión das 11:30 horas tivo a oportunidade de coñecer a pegada da presenza xudía na cidade de Monforte e os lugares nos que está documentado o asentamento de familias hebreas.
Ás 18:00 horas está prevista unha segunda visita, con saída tamén desde a rúa do Comercio.
Esta actividade intégrase dentro do programa do Verán Cultural organizado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte.
Asociación da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad
Monforte de Lemos pertence, xunto con outras 20 cidades e poboacións de España, á Asociación da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, o cal representa un recoñecemento ao seu rico pasado medieval e en particular á pegada hebrea no mesmo. Pertencer a esta asociación supón contar con actividades que permiten a divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.
