O Concello colabora coa organización da V Carreira e Andaina contra o Cancro, que se celebrará en Monforte o 13 de setembro

Monforte de Lemos, 8 de setembro de 2026. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou hoxe na presentación da quinta edición da Carreira e Andaina, “Monforte en Marcha contra o Cancro” que a delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro (AECC) organiza en Monforte e que se celebrará o domingo 13 de setembro, ás 12.00 horas.

Na presentación, Gloria Prada estivo acompañada polo Presidente da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, José Manuel Rozas Bello. Tamén asistiu a Concelleira de Muller e Igualdade e Consumo, Regina López Arias.

A Tenente de Alcalde destacou a colaboración municipal neste evento solidario, que abrangue tanto os traballos previos de organización como o dispositivo previsto para garantir o correcto desenvolvemento da proba. Neste sentido, o Concello participa na coordinación do percorrido a través da área de Deportes e da Policía Local, ademais de poñer á disposición da organización os medios necesarios para a celebración da actividade.

Durante a xornada, a Policía Local colaborará na regulación e vixilancia do tráfico, así como nos cortes das vías que sexan necesarios para permitir o desenvolvemento da carreira con seguridade. O Concello tamén se encargará da colocación dos valados e elementos necesarios para delimitar o circuíto e facilitar a seguridade das persoas participantes.

Así mesmo, o dispositivo municipal contará co servizo de ambulancia e efectivos de Protección Civil.

Neste senso, Gloria Prada puxo en valor “un traballo previo na organización de eventos como este que non sempre se ve pero que é moi importante, no que participan os servizos municipais, especialmente a área de Deportes e a Policía Local, para colaborar no deseño do percorrido e garantir que a actividade se desenvolva nas mellores condicións posibles”. Unha colaboración, engadiu, “real, estreita e continuada que forma parte do apoio que o Equipo de Goberno mantén coa Asociación Española Contra o Cancro, tanto nesta actividade como nas diferentes iniciativas que a entidade desenvolve ao longo do ano na cidade”.

Entre outras cuestións, destaca a cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade.

 

Actividade física e concienciación social

A V edición de “Monforte en Marcha Contra o Cancro” pretende fomentar a práctica de actividade física como parte dun estilo de vida saudable e contribuír á concienciación social na loita contra o cancro. Así, a recadación da proba destinarase a mellorar a vida das persoas con cancro e das súas familias e impulsar a investigación oncolóxica, co obxectivo de contribuír a superar o 70% de supervivencia no ano 2030.

O prezo da inscrición é de 10 euros, con camiseta, e as inscricións poden realizarse ata o xoves 10 de setembro ás 23:59 horas a través da páxina web da AECC.

Tamén existe a posibilidade de inscribirse presencialmente ata o 11 de setembro, de 11:00 a 13:00 horas, na sede local da asocaición en Monforte: Rúa Ricardo Quiroga, s/n, baixo local nº4. O sábado, 12 de setembro, poderá facerse tamén de 17:00 a 20:00 horas, na rúa Cardeal.

Para quen se inscriba o mesmo día da carreira habilitarase unha carpa na Explanada da Compañía, de 10:00 a 12:00 horas. O prezo será o mesmo con dereito a camiseta, ata agotar existencias.

Así mesmo, para aquelas persoas que queiran colaborar sen participar na carreira, está dispoñible o dorsal cero (inscrición solidaria coa aportación económica elixida).

A entrega de dorsais e camisetas realizarase o sábado 12 de setembro nunha mesa na rúa Cardenal, en horario de 17:00 a 20:00h, e o propio día do evento, domingo 13 de setembro, na Praza Compañía, en horario de 10:00 a 12:00 horas.

Gloria Prada pechou a súa intervención animando á cidadanía a participar masivamente nesta quinta edición, contribuíndo así a facer desta marcha unha nova demostración da solidariedade dos monfortinos e monfortinas e do compromiso da cidade coa loita contra o cancro.