Monforte de Lemos, 10 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a Tenente Alcalde, Gloria Prada, participarán na 70ª Asamblea Ordinaria da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, que se celebra este venres 11 de setembro en Melilla. O encontro reunirá arredor de 30 representantes dos 27 municipios que actualmente forman parte da Rede de Xuderías de España.
Con esta representación do Concello de Monforte na Asamblea, afirma o Alcalde, “reafirmamos o compromiso deste Equipo de Goberno coa conservación, difusión e posta en valor do patrimonio xudeu e sefardí”.
Precisamente, o pasado domingo 6 de setembro o Concello conmemorou a Xornada Europea de Cultura Xudía con dúas visitas guiadas á zona de ámbito xudeu de Monforte que tiveron unha excelente acollida por parte do público. A actividade, guiada polo investigador monfortino Felipe Aira, percorreu o casco histórico da cidade e o entorno do Conxunto Monumental de San Vicente con paradas en espazos moi significativos como a rúa Santo Domingo e a muralla, a Praza de Pescaderías, a rúa da Falagueira, a Porta Nova ou o Campo da Virxe.
A celebración da Asamblea en Melilla ten lugar despois da recente incorporación da Cidade Autónoma á Rede de Xuderías, aprobada a finais de 2025 e ratificada o pasado mes de abril na Asamblea celebrada en Segovia. Xunto con Melilla, uníronse tamén Sevilla, Calatayud, Ciudad Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara.
Durante as dúas xornadas, os representantes municipais abordarán diferentes asuntos relacionados co funcionamento da entidade e co desenvolvemento de proxectos, estratexias e iniciativas comúns para a conservación e promoción do patrimonio xudeu, así como coa súa dimensión turística e cultural.
Entre os temas que centrarán o traballo da Rede atópase o reforzo da súa presenza nos itinerarios culturais europeos vinculados ao patrimonio xudeu, así como a proxección internacional dos destinos que integran os Camiños de Sefarad. A organización mantén tamén distintas liñas de colaboración co sector turístico para favorecer a promoción dos municipios integrantes nos mercados nacionais e internacionais.
Durante a súa estancia en Melilla, os representantes dos municipios participantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man o patrimonio da cidade, a través de diferentes visitas guiadas, entre elas ao museo e á ruta sefardí.
Monforte, integrante da Rede de Xuderías
A participación de Monforte nesta Asamblea dá continuidade ao traballo desenvolvido polo Concello no marco da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, da que forma parte como un dos municipios que conservan un importante legado relacionado coa presenza xudía na Península.
Para o Alcalde, a pertenza a esta rede supón unha oportunidade para reforzar a difusión do patrimonio histórico de Monforte, establecer colaboracións con outros municipios e integrar este legado nas estratexias de promoción turística e cultural conxunta. “Esta tamén é unha maneira de promocionar Monforte e a Ribeira Sacra co conseguinte beneficio para o turismo e consecuencias económicas positivas para o comercio e a hostalería”.
A Asamblea de Melilla permitirá, ademais, estreitar os lazos de cooperación entre os 27 municipios integrantes da Rede, compartindo experiencias e iniciativas destinadas a converter este legado nun elemento de conexión cultural e nun recurso turístico de referencia.
Monforte presidiu a Red en 2023
Monforte de Lemos presidiu a Red de Juderías de España no ano 2023 e acolleu a celebración da 63ª Asemblea, que tivo lugar no Palacio Condal do Parador de Turismo, no Conxunto Monumental de San Vicente (imaxe que ilustra esta nova).
Na actualidade, a Red de Juderías de España está integrada por 27 cidades: Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui, ás que se suman 6 novas incorporacións aprobadas na 68ª Asemblea celebrada o pasado mes de decembro de 2025 e ratificada este venres na 69ª Asemblea: Sevilla, Calatayud, Cidade Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara.