
Monforte de Lemos, 10 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do dispositivo especial de tráfico que o Concello de Monforte, a través da Policía Local, despregará este domingo, 13 de setembro, con motivo da V Carreira e Andaina “Monforte en Marcha contra o Cancro”, organizada pola delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro (AECC).
A proba dará comezo ás 12:00 horas e terá a súa saída e chegada na Explanada, percorrendo varias rúas do centro urbano, cunha duración máxima estimada de dúas horas.
O dispositivo, destaca o Alcalde, “ten como principal obxectivo garantir a seguridade das persoas participantes e facilitar o normal desenvolvemento dunha actividade solidaria que conta cada ano cunha importante participación da cidadanía monfortina”.
Rúas pechadas durante o desenvolvemento da proba
O dispositivo da Policía Local establece que todas as rúas relacionadas co percorrido estarán cortadas ao tráfico aproximadamente desde as 11:45 horas e ata a finalización da carreira, que está prevista entre as 13:00 e as 13:30 horas.
O percorrido partirá da Explanada da Compañía e continuará pola rúa Compañía, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro e, desde o paso a nivel, cara ao centro da cidade polas rúas Reboredo, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure. A continuación, as persoas participantes baixarán pola rúa Compañía ata a glorieta de entrada ao Parque dos Condes, completando o circuíto ata regresar á Explanada da Compañía, onde estará situada a meta. A carreira realizará dúas voltas ao percorrido.
Neste senso, desde o Concello pídese comprensión aos condutores e usuarios destas vías e que teñan en conta estas modificacións temporais do tráfico planificando, na medida do posible, os seus desprazamentos para evitar as zonas afectadas durante o desenvolvemento da proba.
Do mesmo xeito, o Alcalde pon en valor o traballo dos servizos municipais que participan na organización: “Detrás dunha actividade destas características hai un importante traballo de coordinación e planificación por parte dos servizos municipais, especialmente da Policía Local e da área de Deportes, para que todo estea preparado e para garantir a seguridade das persoas participantes”.
Así mesmo, fai un chamamento á participación da cidadanía nesta quinta edición: “Quero animar a todos os monfortinos e monfortinas a participar nesta marcha. Tanto se é correndo como camiñando, xa que o importante é estar presentes e sumar o noso apoio á loita contra o cancro acompañando nesta iniciativa á Asociación Española contra o Cancro e ás persoas enfermas e ás súas familias”, indica.
Fomentar a actividade física e a concienciación social
A V edición de “Monforte en Marcha Contra o Cancro” pretende fomentar a práctica de actividade física como parte dun estilo de vida saudable e contribuír á concienciación social na loita contra o cancro. Así, a recadación da proba destinarase a mellorar a vida das persoas con cancro e das súas familias e impulsar a investigación oncolóxica, co obxectivo de contribuír a superar o 70% de supervivencia no ano 2030.
Inscrición e recollida de dorsais
O prezo da inscrición é de 10 euros, con camiseta, e as inscricións poden realizarse ata o xoves 10 de setembro ás 23:59 horas a través da páxina web da AECC. Tamén existe a posibilidade de inscribirse presencialmente ata o 11 de setembro, de 11:00 a 13:00 horas, na sede local da Asociación en Monforte: Rúa Ricardo Quiroga, s/n, baixo local nº4. O sábado, 12 de setembro, poderá facerse tamén de 17:00 a 20:00 horas, na rúa Cardeal.
Para quen se inscriba o mesmo día da carreira habilitarase unha carpa na Explanada da Compañía, de 10:00 a 12:00 horas. O prezo será o mesmo con dereito a camiseta, ata esgotar existencias. Así mesmo, para aquelas persoas que queiran colaborar sen participar na carreira, está dispoñible o dorsal cero (inscrición solidaria coa aportación económica elixida).
A entrega de dorsais e camisetas realizarase o sábado 12 de setembro nunha mesa na rúa Cardenal, en horario de 17:00 a 20:00h, e o propio día do evento, domingo 13 de setembro, na Praza Compañía, en horario de 10:00 a 12:00 horas.
O Concello colabora activamente
O Concello colabora activamente con este evento deportivo e solidario que abrangue tanto os traballos previos de organización como o dispositivo previsto para garantir o correcto desenvolvemento da proba. Participa na coordinación do percorrido a través da área de Deportes e da Policía Local, poñendo a disposición da organización os medios necesarios para a celebración da actividade.
Durante a xornada, a Policía Local colaborará na regulación e vixilancia do tráfico para permitir o desenvolvemento da carreira con seguridade. O Concello tamén se encargará da colocación dos valados e elementos necesarios para delimitar o circuíto e facilitar a seguridade das persoas participantes. Así mesmo, o dispositivo municipal contará co servizo de ambulancia e efectivos de Protección Civil.
Cabe salientar tamén a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo, entre outras cuestións, coa cesión de 3 locais desde os que a entidade atende a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade.