O Alcalde anuncia o inicio das sondaxes para a construción dun tanque de tormentas no Parque dos Condes que permitirá avanzar no saneamento integral de Monforte

Monforte de Lemos, 14 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou hoxe en rolda de prensa do inicio mañá martes, 15 de setembro, das sondaxes previas para a redacción do proxecto construtivo do tanque de tormentas do Parque dos Condes, unha das principais actuacións contempladas na III Fase do saneamento integral de Monforte.

Acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, José Tomé destacou que “se trata dun novo paso dentro da folla de ruta que este Alcalde e este Equipo de Goberno vimos desenvolvendo desde o ano 2015 para solucionar os problemas históricos do saneamento da cidade, cunha actuación global que nesta terceira fase supón un investimento de 7,9 millóns de euros, que superará os 8 millóns coas liquidacións”.

Tal e como recolle o convenio asinado entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en decembro de 2025, destes fondos 7.505.000 euros son achegados pola Hidrográfica e 390.000 euros polo Concello de Monforte, dando esta terceira fase continuidade ás dúas anteriores (cun investimento conxunto nas fases I e II que xa superou os 4 millóns de euros).

“Nunca se fixeran tantas obras de saneamento nin unha inversión tan importante ata agora”, sinalou o Alcalde, que lembrou que o obxectivo do seu Equipo de Goberno é “continuar modernizando as infraestruturas da cidade e dar solución aos problemas que durante anos afectaron á rede de saneamento”.

 

Catro sondaxes no aparcamento do Parque dos Condes

As sondaxes que comezarán mañá serán catro, e realizaranse na parte traseira do aparcamento do Parque dos Condes, no espazo situado xunto ao peche da horta dos Escolapios.

Estes traballos, explicou o Alcalde, “permitirán coñecer as características do terreo e obter a información necesaria para definir con precisión o proxecto construtivo do tanque de tormentas e do novo interceptor que completará esta actuación”. O tanque de tormentas, ou Sistema de Descarga Unitaria (DSU), engadiu, “permitirá abordar os problemas de alivios que se producen actualmente nesta zona e mellorar a xestión das augas durante episodios de choiva intensa”.

O Alcalde explicou que o obxectivo final é mellorar o funcionamento da rede de saneamento, eliminar os alivios no Parque dos Condes e contribuír á protección ambiental e á mellora da calidade das augas do río Cabe.

“O obxectivo é moi claro”, precisou: “Dar unha solución definitiva á evacuación das augas pluviais (xunto ao número 2 da Compañía e no inicio da rúa Cardeal) e aos alivios que actualmente se producen no Parque dos Condes, ademais de seguir mellorando o saneamento da cidade, contribuíndo tamén á protección ambiental do río Cabe”.

 

Peche temporal da segunda metade do aparcamento

Para executar as sondaxes será necesario suprimir temporalmente o estacionamento na segunda metade do aparcamento do Parque dos Condes.

A partir das 21:00 horas de hoxe, luns 14 de setembro, procederase á colocación da sinalización e ao peche da zona afectada. Os traballos comezarán mañá martes ás 10:00 horas e prolongaranse durante toda a semana, coa realización dunha cata cada día.

Deste xeito, está previsto que as sondaxes rematen o venres 18 de setembro, polo que o sábado 19 poderá volver utilizarse para o estacionamento a zona afectada.

A área de traballo estará illada mediante unha liña de valos de obra desde a zona de estacionamento reservado para autobuses ata a esquina da finca do convento dos Padres Escolapios. Ademais, instalarase a correspondente sinalización vertical de obras, entrada prohibida e estacionamento prohibido.

José Tomé pediu comprensión e colaboración á veciñanza, especialmente ás persoas que utilizan habitualmente este aparcamento, e subliñou que se trata dunha restrición temporal necesaria para poder avanzar nunha infraestrutura “de gran importancia para a cidade”.

 

 

O proxecto estará redactado antes de final de ano

Estas sondaxes constitúen o primeiro paso para avanzar na redacción do proxecto construtivo do tanque de tormentas e do novo interceptor.

Segundo explicou o Alcalde, está previsto que a empresa encargada da redacción entregue o proxecto á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil antes de final de ano, para posteriormente realizar os correspondentes trámites administrativos durante a primavera e proceder, a continuación, á súa licitación.

A III Fase do saneamento integral contempla, ademais do tanque de tormentas e do novo interceptor, actuacións destinadas a continuar coa eliminación das augas limpas que entran na rede de saneamento na marxe esquerda do río Cabe.

“Estamos dando un paso máis no compromiso que asumín coa veciñanza de Monforte en 2015: seguir facendo de Monforte unha cidade con mellores infraestruturas, mellor saneamento e maior protección do noso río Cabe”, concluíu José Tomé.