
Monforte de Lemos, 21 de setembro de 2026. O A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Gloria Prada, destacou esta mañá a aposta do Concello polo deporte e polas iniciativas que contribúen á inclusión e á participación social, durante a presentación da XIV Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia, que terá como punto de partida a cidade de Monforte o vindeiro xoves 1 de outubro.
Na presentación participaron tamén o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o xefe do Servizo Provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero; o deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Carlos López; o representante de Prodeme, Juan Luis Cortiñas, e o deportista de Prodeme Pedro Fonseca.
A Marcha Ciclista Unificada desenvolverase do 1 ao 4 de outubro e percorrerá as catro provincias galegas, con etapas en Monforte, Ourense, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa. A primeira etapa terá en Monforte unha ruta circular de 17 quilómetros, con saída e chegada no Pavillón Municipal da Pinguela, percorrendo diferentes puntos do núcleo urbano e da contorna, desde Piñeira ata Ribas Altas.
Gloria Prada salientou a satisfacción do Alcalde e do Equipo de Goberno por que Monforte sexa novamente escenario desta iniciativa e subliñou que “o Concello aposta firmemente polo deporte e colabora sempre coas iniciativas deportivas que se desenvolven na nosa cidade, sobre todo cando se trata de persoas con discapacidade, facilitando os recursos necesarios para que poidan levarse a cabo”.
Neste caso, explicou, “con máis motivo, porque non se trata só dunha actividade deportiva, senón que falamos dunha iniciativa social que fomenta a convivencia, a participación e, sobre todo, a inclusión”.
A Tenente de Alcalde puxo en valor tamén a colaboración que o Concello mantén con Special Olympics Galicia, lembrando que esta non é a primeira vez que a Marcha Ciclista Unificada fai parada en Monforte, xa que a cidade acolleu unha das súas etapas en 2020.
O Concello mobiliza un amplo dispositivo
Tal e como explicou a Tenente de Alcalde, para esta décimo cuarta edición, o Concello traballou desde o primeiro momento con Special Olympics no deseño da ruta polas rúas de Monforte, “coa participación directa do técnico municipal de Deportes, para definir un percorrido seguro e axeitado”.
A colaboración municipal inclúe a organización do dispositivo de seguridade e apoio necesario para unha proba na que participarán arredor de 60 persoas entre deportistas, adestradores, organización e persoal de seguridade.
Prada indicou tamén que neste dispositivo terán un papel fundamental a Policía Local e Protección Civil, xunto co servizo de ambulancia e primeiros auxilios, que contará tamén coa presenza dun médico durante a proba para poder atender calquera eventualidade e facilitar, se fose necesario, unha evacuación.
O Concello tamén pon á disposición da organización o Pavillón Municipal da Pinguela e os seus vestiarios, reserva de espazo para o estacionamento das furgonetas da organización e a achega de 20 trofeos, 100 medallas e 100 camisetas para participantes e colaboradores.
Gloria Prada destacou igualmente a participación de entidades da cidade nesta experiencia, xa que a Asociación Prodeme e o Club Ciclista Monforte formarán parte das catro etapas da Marcha. Na etapa monfortina tamén participarán deportistas de As Burgas, de Ourense; ASPAS, de Santiago de Compostela, e Fundación Eu Son, de Burela.
A Tenente de Alcalde animou tamén á cidadanía de Monforte a achegarse ás rúas o 1 de outubro, coñecer e apoiar esta iniciativa, xa que, incidiu, “a inclusión é unha tarefa de todos, das institucións e do conxunto da sociedade”.