Moforte de Lemos, 21 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu este luns á tradicional romaría do San Mateo, que se celebra na parroquia de A Parte. Acudiu á cita acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada; o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, cos que participou nos actos festivos que se desenvolveron ao longo da xornada. Así mesmo, o rexedor visitou todo o recinto onde conversou con veciños e veciñas, desfrutando tamén dun paseo pola zona frecuentada pola xente máis nova.
O Concello de Monforte colaborou con esta festa na organización e desenvolvemento do dispositivo de seguridade, coordinado pola Policía Local, coa participación da Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil, persoal municipal de Servizos á Cidadanía e unha ambulancia para dar asistencia aos veciños e veciñas participantes ante calquera incidencia.
O Goberno municipal colabora tamén nesta romaría cunha aportación económica igual á que reciben o resto das parroquias do municipio, coa dotación dos medios necesarios para facilitar o desenvolvemento da festa, como é o caso da instalación de contedores no recinto da romaría para facilitar a correcta recollida dos residuos xerados durante a celebración.
O obxectivo, destaca o Alcalde, “é que unha romaría de gran tradición como esta se celebre coa maior tranquilidade e seguridade posibles, por iso desde o Concello coordinamos un dispositivo no que contamos coa colaboración dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ademais de persoal municipal e da Policía Local”.
A Festa do San Mateo, é a última das actividades do Concello de Monforte incluídas dentro do programa do Verán Cultural.


