O Concello achega maxia e teatro aos escolares de Monforte co ciclo de animación á lectura “Ler conta moito”

Monforte de Lemos, 24 de setembro de 2026. O Concello de Monforte, a través da Biblioteca Pública Municipal, organiza unha nova edición do programa de animación á lectura “Ler conta moito”, con dúas propostas escénicas dirixidas ao alumnado de 3º e 4º curso de Primaria dos centros educativos da cidade. A actividade inclúe dúas actuacións na Casa da Cultura de Monforte, ambas en horario lectivo, ás 12.00 horas.

A primeira tivo lugar este xoves, 24 de setembro, a cargo do Mago Paco, coa peza “Unha maxia diferente”, na que, a través de distintas historias e xogos de maxia, trabállanse as diferencias humanas como un punto de unión no que vernos reflectidos. A obra, dirixida ao alumnado de 3º, afonda na igualdade e na violencia de xénero dun xeito divertido e didáctico.

A segunda sesión está programada para o xoves 1 de outubro ás 12.00 horas, a cargo da compañía de teatro Tropa de Trapo, que presentará o espectáculo “Contos de nenas grandes e pequenas”. Trátase dunha proposta de narración oral e música en directo baseada en contos e cantos de mulleres de todas as idades que falan do poder do amor e da memoria, da loita contra a violencia machista e da igualdade entre homes e mulleres.

 

Fomentar a lectura

“Ler conta moito” é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Cultura en colaboración cos Concellos con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A finalidade é animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.  “O obxectivo deste programa”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca, “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”.