A Tenente de Alcalde asiste á xornada conmemorativa do décimo aniversario do recoñecemento do Camiño de Inverno

Monforte de Lemos, 27 de setembro de 2026.  A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Gloria Prada, asistiu este domingo ás xornadas divulgativas organizadas pola Asociación do Camiño de Inverno / Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, con motivo do décimo aniversario do recoñecemento oficial do Camiño de Inverno.

O encontro celebrouse no Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón e incluíu a proxección do documental “Unha década de pegadas e voces”, que repasa estes dez anos a través das paisaxes, experiencias e testemuños de persoas que participaron no proceso de recuperación e recoñecemento do itinerario.

As xornadas serviron tamén para render homenaxe ás persoas e entidades que contribuíron ao longo desta década ao recoñecemento oficial e á consolidación do Camiño de Inverno, así como para facer balance do camiño percorrido desde o seu recoñecemento oficial hai dez anos.

Gloria Prada pon en valor a importancia que ten o Camiño de Inverno para Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra e subliña que este aniversario “representa tamén unha oportunidade para renovar o compromiso das administracións e das entidades locais coa promoción do Camiño de Inverno, tanto desde o punto de vista turístico como cultural, patrimonial e económico”.

 Neste senso, destaca a importancia de “traballar unidos e baixo o obxectivo común da difusión  deste itinerario xacobeo, que supón un incentivo máis dentro da oferta turística de Monforte e da Ribeira Sacra”.