O Alcalde de Monforte destaca nos actos do Día da Policía Nacional a colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade para manter a cidade como “un lugar seguro e tranquilo”

Monforte de Lemos, 2 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, participou esta mañá nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos Anxos Custodios, que se desenvolveron coa celebración dunha misa na Igrexa da Régoa e un acto institucional na Casa da Cultura Lois Pereiro, no que se entregaron medallas, condecoracións e diplomas de recoñecemento.

O rexedor estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polos Concelleiros e Concelleiras de Deportes, José Manuel Mougán, de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e de Medio Ambiente, Miguel Tomé.

Tamén asistiron o Inspector Xefe da Comisaría de Monforte, José Ramón Fernández López; o Inspector do Grupo Operativo Local da Comisaría de Monforte, Celso Dacal Vázquez; o Inspector Xefe da Policía Local, representantes da Garda Civil, así como membros da Policía Nacional, familiares, amizades e representantes doutras institucións.

Durante a súa intervención no acto institucional, o Alcalde trasladou, en nome do Equipo de Goberno, da Corporación Municipal e do conxunto da cidadanía monfortina, a súa felicitación e agradecemento á Policía Nacional polo traballo que desenvolve ao longo de todo o ano. Unha labor, destacou, “que moitas veces se realiza de maneira discreta, pero que é fundamental para que os cidadáns poidan desenvolver a súa vida diaria con tranquilidade e seguridade”.

Neste sentido, o rexedor subliñou que “afortunadamente, podemos presumir de que Monforte é hoxe unha cidade segura, cun baixo nivel de delincuencia, tal e como confirman os datos que nos trasladan dende o Goberno de España”. Esta situación, engadiu, “é, sen dúbida, consecuencia do traballo diario, da profesionalidade e da presenza das nosas Forzas e Corpos de Seguridade, así como da colaboración que existe entre eles e, como non, da colaboración co Concello e coa nosa Policía Local”.

 

Unha cooperación especialmente importante nos grandes eventos da cidade

José Tomé puxo tamén en valor a estreita colaboración entre a Policía Nacional, a Policía Local e o Concello de Monforte, “que se fai especialmente visible en momentos nos que a cidade incrementa notablemente a súa actividade e a presenza de visitantes, como acontece durante o verán, nas Festas Patronais, no Festival do Viño da Ribeira Sacra ou noutras celebracións e eventos que congregan a milleiros de persoas na nosa cidade”.

Neste senso, o rexedor reiterou o compromiso do Concello de Monforte de continuar traballando “coa máxima cooperación e entendemento” coas Forzas e Corpos de Seguridade.

 

 

 

 

 

 

 

 

Nova Comisaría

Neste contexto, o Alcalde destacou a colaboración prestada desde o Concello para facer posible a construción da nova Comisaría da Policía Nacional de Monforte, unha infraestrutura que, segundo sinalou, estará en funcionamento proximamente.

“Estamos xa moi preto da inauguración do novo edificio e creo que todos debemos sentirnos satisfeitos porque a nosa cidade vai contar en breve cunhas instalacións modernas, adecuadas e acordes co servizo que presta a Policía Nacional”, afirmou.

O rexedor lembrou que na nova Comisaría se investiron case 4 millóns de euros e as xestións que realizou como Alcalde para que o proxecto fose impulsado directamente pola Secretaría de Estado, cando habitualmente este tipo de actuacións son executadas pola Dirección Xeral da Policía Nacional: “Así o fixen, ofrecendo a máxima colaboración do Concello de Monforte, porque considero fundamental que os axentes da Policía Nacional dispoñan dunhas instalacións dignas e adecuadas para desenvolver o seu traballo e que a cidadanía reciba un servizo nas mellores condicións posibles”, indicou na súa intervención.

 

Recoñecemento ao traballo da Policía Nacional

Durante o acto institucional celebrado na Casa da Cultura de Monforte tamén se procedeu á entrega de medallas, condecoracións e diplomas de recoñecemento, nunha xornada na que se puxo en valor a dedicación e profesionalidade das persoas que forman parte da Policía Nacional e doutras persoas e entidades vinculadas á seguridade cidadá.