Listaxe definitiva de participantes no Programa Activa e apertura dun prazo extraordinario para a cobertura de prazas vacantes

Monforte de Lemos, 15 de outubro de 2026. Unha vez realizado o sorteo de prazas do Programa Activa 2026-2027 celebrado este mércores 14 de outubro, faise pública, a través da páxina web do Concello, a listaxe definitiva de participantes e persoas en lista de agarda do Programa Activa. (A lista pode consultarse na parte inferior desta nova).

Segundo o establecido no punto 7º das bases reguladoras do Programa Activa que coordina a área de Servizos Sociais, nos casos nos que exista máis demanda que prazas, a adxudicación realizarase por sorteo entre as solicitudes admitidas para cada actividade, diferenciando entre prazas ordinarias e prazas para persoas con discapacidade. Para elo, asignarase un número por solicitude. Na modalidade de participación conxunta, asignarase un único número. Nas actividades con vacantes non se realizará sorteo e asignaranse as prazas segundo a orde de entrada.

Unha vez realizado este sorteo, ábrese un prazo extraordinario de solicitude, do 19 ao 23 de outubro de 2026, ata cubrir as prazas ofertadas que queden dispoñibles nas actividades.

 

As persoas interesadas deberán acudir á Secretaría dos Servizos Sociais, onde se lles facilitará información sobre as vacantes e poderán formalizar a súa solicitude, exclusivamente no modelo establecido. Non se admitirán solicitudes presentadas nun modelo distinto ao establecido.

Na asignación das prazas dispoñibles terase en conta a orde de entrada no Rexistro Municipal, así como os seguintes criterios de prelación:

1. Persoas solicitantes que, tras non obter praza na actividade solicitada no procedemento ordinario de adxudicación, figuren na correspondente lista de agarda e estean interesadas en participar noutra actividade con prazas dispoñibles. No caso de que se lles adxudique unha praza no prazo extraordinario, causarán baixa automaticamente na lista de agarda da actividade solicitada inicialmente.

b. Novas solicitudes de participación presentadas por persoas que non realizaran a súa solicitude no prazo ordinario.

As actividades do Programa Activa no núcleo urbano darán comezo a vindeira semana, a partir do 19 de outubro e finalizarán o 12 de xuño 2027.

 

Programa Activa

O Programa Activa diríxese especialmente ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, promovendo o seu benestar psicosocial e o encontro interxeracional, evitando situacións de soidade non desexada e dinamizando as parroquias.

O Concello destina a este plan unha partida de 65.000 euros, despois de incrementar nesta edición o investimento en 5.000 euros e ofértanse 714 prazas ordinarias e 27 adicionais, que supoñen un incremento global da oferta nun total de 37 plazas mais que na anterior edición. Como en anos anteriores, todas as actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e están subvencionadas ao 100% polo Concello de Monforte.

PARTICIPANTES E LISTA DE AGARDA PROGRAMA ACTIVA 2026 27.pdf

INFORMACIÓN DATAS INICIO ACTIVIDADES CENTRO CIVICO PROGRAMA ACTIVA 2026 27.pdf