
Monforte de Lemos, 16 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou este venres as obras de rexeneración do firme na rúa Calvo Sotelo, unha das principais arterias de comunicación de Monforte, que conecta o barrio da Estación co centro urbano, e que serve tamén como vía de saída cara á N-120 en dirección a Castro Caldelas, Ponferrada e Ourense.
O proxecto adxudicouse á empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U. e supón unha inversión de 182.735,41€. Inclúe o fresado de toda a superficie viaria, a reparación dos afundimentos existentes na metade final da vía en dirección á Estación e a renovación da sinalización, mantendo os redutores de velocidade existentes.
“A rúa Calvo Sotelo é unha vía fundamental para a comunicación do barrio da Estación co resto da cidade. Coa súa renovación damos un paso máis para que as principais rúas de conexión de Monforte estean en boas condicións, algo que ten un efecto directo tanto na seguridade como na comodidade dos desprazamentos”, explicou o Alcalde
Esta actuación está recollida no plan de mellora de vías urbanas e rurais do Concello presentado polo Alcalde na pasada primavera e que supón un investimento global de 1.059.733,23 euros en 10 proxectos que teñen por obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade viaria de Monforte. O noso compromiso é “seguir mellorando as comunicacións, incrementar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza, tanto no centro urbano como nos barrios e nas parroquias do municipio”.
Nas últimas semanas leváronse a cabo obras de renovación do firme da rúa Vigo, no barrio do Casar, cun investimento de 122.7334,67€; e na Avenida de Galicia e na rúa Chantada, dúas vías de circulación fundamentais para as comunicacións dentro do núcleo urbano nas que se invisten 174.279 euros.
Actuación na rúa Pintor Luis Seoane
O paquete de actuacións na zona urbana contempla tamén a mellora do pavimento nun treito da rúa Pintor Luis Seoane, concretamente no tramo inicial, desde a estrada de Chantada ata o remate das vivendas da marxe dereita. Está previsto que estes traballos, iniciados esta semana, rematen tamén no día de hoxe. Consisten no rebaixado do firme actual para igualar a cota da nova pavimentación e evitar a entrada de augas pluviais nos edificios, e instalación da correspondente sinalización horizontal e vertical. O orzamento neste caso ascende a 11.214,05€ e a execución corresponde á empresa Ovisa Pavimentos e Obras S.L.U., adxudicataria tamén da intervención na avenida de Galicia e rúa Chantada.
“Estamos coordinando as distintas obras para que os recursos públicos se aproveiten da mellor maneira posible e para que as actuacións se desenvolvan con rapidez. O obxectivo é seguir avanzando na renovación das rúas de Monforte e facelo cunha planificación que nos permita chegar ao maior número posible de zonas”, afirmou José Tomé.
Montepando-Bouza Brey
A seguinte actuación dentro deste plan de investimentos en infraestruturas viarias será na zona de Montepando-Bouza Brey, onde está previsto acondicionar unha pista que, indica o Alcalde, “na práctica son tres, xa que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”.
Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”.
As obras, licitadas por 73.995,83 euros, adxudicáronse á empresa Extraco.
Avances nas actuacións do rural
O Alcalde informou, así mesmo, do avance das actuacións previstas nas parroquias, incluídas no mesmo paquete de investimento anunciado en maio.
En Piñeira, están en fase de execución obras de mellora na vía que comunica a estrada de Sober, no centro da parroquia, co acceso ao polígono do Reboredo. A actuación, adxudicada á empresa Bascuas, contempla o saneamento dos afundimentos e a regularización do firme, a aplicación dunha capa de aglomerado en quente e a correspondente sinalización, cun investimento de 177.770,29 euros.
Tamén en Pinñeira están rematadas as obras de mellora das pistas que saen do lugar de “O Bosque”, para unirse na rúa Reboredo, unha delas xunto ao taller mecánico onde rematan os edificios da beirarrúa da dereita, e a outra despois da N-120, pasando xunto a unha finca que fai eventos de hostalería. Esta actuación nas dúas pistas, cun orzamento de 103.825,63 euros, foi executada por Ovisa.
O investimento total en Piñeira supera os 281.000 euros.
En Ribas Altas, están en marcha os traballos preparatorios de asfaltado da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo. Esta actuación, cun importe de 104.037,01€, permitirá completar o asfaltado integral da zona, despois de que o ano pasado se mellorase a marxe esquerda. Executa Extraco.
Pola súa parte, as actuacións previstas nas parroquias de Marcelle e San Xoán de Tor están xa executadas. Neste caso, realizáronse traballos para a mellora da pista que une a recta de Marcelle co núcleo da Meda, renovación das pistas dos Asenxos e do Seixo e melloras do firme na pista Eirexe-Outeiro, onde se acometeron tamén reparacións en determinados treitos de muro lindante coa vía. O importe das adxudicacións nestas parroquias ascende a 91.956,37€ e foron realizadas por Opaga 03.
Outras actuacións
A maiores, están previstos traballos de mellora do asfaltado noutras vías da zona rural. Concretamente, nos accesos a Guntín, onde se intervirá en dous camiños, nunha actuación que ten un orzamento de 32.394,53 euros.
Tamén está prevista a mellora da pavimentación na intersección da rúa Amador López Espinosa coa rúa Ourense, xunto ao edificio da Sareb. Este proxecto ten un importe de 19.704,64 euros. Así mesmo, construirase unha pista Multiusos nas Cruces, por 48.869,33 euros.
Máis dun millón de euros para mellorar as comunicacións
O conxunto destas actuacións forma parte do investimento de máis dun millón de euros anunciado polo Alcalde para a mellora de rúas e vías tanto da zona urbana como das parroquias.
José Tomé puxo en valor o traballo desenvolvido polo seu Equipo de Goberno para converter este compromiso en actuacións concretas que xa están executadas ou en execución.
“O importante é que os proxectos que anunciamos convértense en obras e que a veciñanza poida ver os resultados. Hoxe estamos na Avenida de Galicia e semana que vén na rúa Calvo Sotelo. Esta é a nosa forma de traballar: planificar, investir e executar para seguir mellorando Monforte”, concluíu o Alcalde.