
Monforte de Lemos, 17 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción pola excelente evolución experimentada no número de abonados á Piscina Climatizada Municipal, cando está a piques de cumprirse o primeiro ano de funcionamento desde a súa reapertura, o 27 de outubro de 2025, trala reforma integral acometida no edificio.
Tal e como recollen os rexistros da Oficina de Deportes, o mes de setembro de 2026 pechou con 1.177 socios, fronte aos 632 rexistrados en novembro de 2025, o primeiro mes completo de funcionamento da piscina, o que representa un incremento de 545 persoas e un crecemento do 86,2 %.
Ademais, na actualidade están inscritos nas actividades 469 cursillistas, o que eleva o número de usuarios das instalacións da piscina a un total de 1.646.
“Estes datos avalan a aposta realizada polo Equipo de Goberno para acometer a reforma integral do Complexo Deportivo da Pinguela e ofrecer á cidadanía un equipamento deportivo moderno, funcional e de excelente calidade, tal que e como se vén comprobando desde que inauguramos a reforma do Pavillón Polideportivo, en outubro de 2023”, afirma o rexedor monfortino.
Engade que, “cando decidimos acometer a reforma integral da piscina, tiñamos claro que Monforte necesitaba unhas instalacións deportivas renovadas, modernas e preparadas para responder ás necesidades da veciñanza. Hoxe, a evolución do número de socios demostra que foi unha decisión acertada e que os monfortinos e monfortinas están respondendo moi positivamente”, sinala o Alcalde.
A evolución mensual dos abonados reflicte unha progresión ascendente continuada, tal e como indican os datos:
- Novembro de 2025 632
- Decembro de 2025 690
- Xaneiro de 2026 707
- Febreiro de 2026 761
- Marzo de 2026 892
- Abril de 2026 992
- Maio de 2026 1.008
- Xuño de 2026 1.016
- Xullo de 2026 1.066
- Agosto de 2026 1.086
- Setembro de 2026 1.177
Esta evolución supón que, entre novembro de 2025 e setembro de 2026, o número de abonados aumentou un 86,2 %, cunha progresión especialmente significativa nos últimos meses, que confirma a crecente utilización da instalación por parte da cidadanía, tanto da Piscina como do Ximnasio Municipal.
“Estamos moi satisfeitos de ver como cada mes máis persoas se incorporan á piscina municipal e o ximnasio. O importante non é só alcanzar unha cifra elevada de socios, senón comprobar que existe unha tendencia sostida de crecemento, xa que iso significa que estamos ofrecendo un servizo público útil, que a veciñanza valora e que contribúe a fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables no noso municipio”, afirma José Tomé.
Un investimento de 2,3 millóns de euros para modernizar as instalacións da piscina
A evolución positiva do número de socios coincide coa posta en funcionamento dunha instalación completamente renovada tras unha reforma integral na que o Concello investiu 2,3 millóns de euros. A intervención supuxo a primeira actuación de gran calado neste equipamento deportivo, que databa de 1994, e permitiu transformar o edificio e mellorar a funcionalidade do conxunto do complexo deportivo da Pinguela.
O resultado é unha piscina moderna, segura, eficiente e sostible, con espazos reordenados para facilitar os desprazamentos e mellorar a comodidade das persoas usuarias. A reforma incluíu a creación dunha recepción común coa que se conecta a piscina co pavillón polideportivo, a renovación completa dos vestiarios e a mellora das circulacións interiores, separando os percorridos de pés secos e pés húmidos para favorecer unhas condicións hixiénicas máis adecuadas.
A actuación permitiu tamén ampliar a superficie destinada ao ximnasio, que pasou de 235 a 300 metros cadrados, incrementar o espazo das bancadas e crear unha nova cafetería, concibida para dar servizo tanto á piscina como ao pavillón polideportivo.
Adxudicación da cafetería
Precisamente, esta mesma semana adxudicouse a xestión da cafetería que vai prestar servizo tanto aos usuarios da piscina e do ximnasio como do pavillón polideportivo, e a poboación en xeral, sen necesidade de estar abonado, xa que o acceso é independente.
“O obxectivo deste Equipo de Goberno é que Monforte dispoña de servizos públicos de calidade e de instalacións deportivas nas que a cidadanía poida practicar deporte en boas condicións. O incremento dos socios é un dato que nos anima a seguir traballando nesta liña e que reforza a importancia de investir en infraestruturas que melloren a vida dos nosos veciños e veciñas”, conclúe José Tomé.