O Concello de Monforte ofrece este xoves, 22 de outubro, un obradoiro para aprender a identificar e combater a desinformación

Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos achega este xoves, 22 de outubro, un obradoiro contra a desinformación destinado a ofrecer á cidadanía ferramentas para identificar noticias falsas, contrastar información e combater a difusión de bulos. A actividade, terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Monforte e enmárcase nun proxecto impulsado polo Colexio de Xornalistas de Galicia, coa colaboración do Concello de Monforte e subvencionado pola Deputación de Lugo.

A iniciativa busca achegar á poboación adulta coñecementos e recursos prácticos para recoñecer a desinformación nun contexto no que as noticias falsas se difunden con rapidez, especialmente a través de internet e das redes sociais.

O acceso constante a contidos informativos fai cada vez máis necesario contar con ferramentas que permitan distinguir a información contrastada daquela que carece de rigor ou que pretende enganar. Por iso, este obradoiro pretende fomentar o espírito crítico e promover hábitos responsables á hora de recibir, interpretar e compartir información.

 

Ferramentas para facer fronte ás noticias falsas

A proliferación de información falsa representa un desafío tanto para o exercicio do xornalismo como para a calidade democrática da sociedade. A difusión de contidos enganosos pode dificultar que a cidadanía dispoña de información fiable para formar as súas propias opinións e participar de maneira informada na vida pública.

Neste sentido, a formación pretende contribuír a que as persoas participantes poidan identificar posibles bulos, comprobar a fiabilidade das fontes e contrastar os datos antes de dar unha información por certa ou compartila con outras persoas.

O Colexio de Xornalistas de Galicia leva anos desenvolvendo iniciativas de alfabetización mediática dirixidas ao alumnado escolar, unha experiencia que agora se adapta á poboación adulta co obxectivo de ampliar o alcance destas ferramentas e achegalas ao conxunto da sociedade galega.

Con esta proposta, búscase reforzar a capacidade da cidadanía para afrontar de maneira crítica o consumo de información e contribuír a frear a propagación de contidos falsos.

O Concello de Monforte de Lemos anima a veciños e veciñas a participar nesta actividade, que ofrece a oportunidade de adquirir coñecementos útiles para o día a día e avanzar cara a un consumo de información máis consciente, responsable e seguro.