O Concello informa de restricións de tráfico o mércores 21 no Campo da Virxe e na rúa Santo Domingo para unha rodaxe cinematográfica

Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2026. O Concello de Monforte informa de restricións de tráfico na rúa Santo Domingo e no tramo comprendido entre o Campo da Virxe e a Porta da Alcazaba que se producirán este mércores, 21 de outubro, con motivo dunha rodaxe cinematográfica que terá lugar na Igrexa de Santa María da Régoa e no seu entorno.

Segundo recolle o informe elaborado pola Policía Local, ditas restricións estarán debidamente sinalizadas e estenderanse desde as 6.00 ata as 21.00 horas, con reservas de paso tanto para os veciños da Falagueira e da rúa Santo Domingo, como para a comunidade educativa do colexio Torre de Lemos, tanto no horario de inicio da xornada lectiva como á saída.

Concretamente, producirase un corte de tráfico no tramo comprendido entre o Campo da Virxe e a Porta da Alcazaba, que estará reservado para o estacionamento dos camións e vehículos necesarios para a rodaxe, e na rúa Santo Domingo.

 

Accesos ao centro educativo

Co fin de garantir o acceso ao centro educativo Torre de Lemos, permitirase excepcionalmente o paso dos vehículos durante os períodos de entrada e saída do alumnado, cunha duración aproximada dunha hora en cada período, segundo as necesidades organizativas do centro.

Concretamente, estará permitida a circulación de 8.15 a 9.15 horas pola mañá, e de 13.45 a 16.00 horas ao remate da xornada lectiva. Durante ditos intervalos, habilitarase o itinerario de acceso por Santo Domingo, baixada polo adro da Igrexa para deixar ou recoller ao alumnado e saída pola Costa da Pena. Finalizados estes períodos, o acceso permanecerá pechado ao tráfico durante o resto da xornada, e mentres dure a rodaxe.

 

Residentes da Falagueira e Santo Domingo

Os veciños e veciñas da Falagueira poderán saír pola Porta da Alcazaba e descender en dirección a Santo Domingo.