TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 26 DE NOVEMBRO DE 2026 - VÓRTICE ESCÉNICO con A CÁMARA ESCURA

A programación teatral do Concello de Monforte dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente o segundo semestre de 2026 continua en Monforte de Lemos o xoves 26 de novembro ás 20:15 h no Edificio Multiusos, coa aposta en escena da obra A CÁMARA ESCURA da compañía VÓRTICE ESCÉNICO, obra escrita por  José Luis Baños de Cos, coa dirección de Sara Rey Seoane, adaptación de Sara Rey Seoane, escenografía de As dúas e punto, deseño son de Marcos Grandal Tojeiro, deseño iluminación As dúas e punto, vestiario de Vórtice Escénico, música de Marcos Grandal Tojeiro e coreografía de Vórtice Escénico, contando cun elenco artístico de Andrea Blanco Dios, Ana San Fernando e Marcos Grandal Tojeiro.  

Que pasa cando unha adolescente de dezaseis anos comparte unha foto íntima co seu crush nun contexto social como o que estamos a vivir?
 
Alicia está namorada.
Alicia fai un selfie.
Alicia preme enviar.
 
Do outro lado do móbil, alguén reenvía, e reenvía, e reenvía.
Os chats tolean. Unha avalancha de mensaxes, de vexacións, de insultos, de censura.
 
Nun mundo eterno como é a rede, cal é a solución para recuperar a intimidade perdida tendo en conta que por cada ano que pasa, as xeracións están expostas a medrar sen a madurez suficiente para empregar un novo apéndice chamado teléfono?
 
A cámara escura fala das vítimas de ciberacoso que se ven conducidas cara un buraco negro de desprezo e dor. Trata das persoas culpábeis que, agresión tras agresión, van construíndo un perigoso perfil de cara ao futuro. A cámara escura diserta sobre esas nais e pais que ven, con absoluta impotencia, rotas/os ás súas fillas e os seus fillos. A través de Alicia, esa rapaza dividida en dúas voces internas, podemos asomarnos á realidade que sofren cada día máis adolescentes a nivel mundial.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.