
Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2026. A Casa da Cultura de Monforte acolleu este xoves, 22 de outubro, desde as 20:00 horas, un obradoiro contra a desinformación destinado a ofrecer á cidadanía ferramentas para identificar noticias falsas, contrastar información e combater a difusión de bulos. A actividade, organizada polo Colexio de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Monforte da Deputación de Lugo, foi impartida pola xornalista Pilar Rodríguez.
O Alcalde, José Tomé Roca, asistiu ao obradoiro acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López.
A iniciativa busca achegar á poboación adulta coñecementos e recursos prácticos para recoñecer a desinformación nun contexto no que as noticias falsas se difunden con rapidez, especialmente a través de internet e das redes sociais.
O acceso constante a contidos informativos fai cada vez máis necesario contar con ferramentas que permitan distinguir a información contrastada daquela que carece de rigor ou que pretende enganar. Por iso, este obradoiro pretende fomentar o espírito crítico e promover hábitos responsables á hora de recibir, interpretar e compartir información.
Ferramentas para facer fronte ás noticias falsas
A proliferación de información falsa representa un desafío tanto para o exercicio do xornalismo como para a calidade democrática da sociedade. A difusión de contidos enganosos pode dificultar que a cidadanía dispoña de información fiable para formar as súas propias opinións e participar de maneira informada na vida pública.
Neste sentido, a formación pretende contribuír a que as persoas participantes poidan identificar posibles bulos, comprobar a fiabilidade das fontes e contrastar os datos antes de dar unha información por certa ou compartila con outras persoas.
O Colexio de Xornalistas de Galicia leva anos desenvolvendo iniciativas de alfabetización mediática dirixidas ao alumnado escolar, unha experiencia que agora se adapta á poboación adulta co obxectivo de ampliar o alcance destas ferramentas e achegalas ao conxunto da sociedade galega. Con esta proposta, búscase reforzar a capacidade da cidadanía para afrontar de maneira crítica o consumo de información e contribuír a frear a propagación de contidos falsos.