O Alcalde informa da execución esta mesma semana dun paso peonil provisional nas obras de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Padre Feijoo

Monforte de Lemos, 26 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa das xestións realizadas ante a Administradora de Infraestruturas Ferroviarias, ADIF, para a execución dun paso peonil provisional no entorno das obras de supresión dos pasos a nivel das rúas Juan Montes e Padre Feijoo, mentres se resolve a situación que mantén parados os traballos principais.

A construción dunha pasarela provisional que facilite o paso das persoas entre ambos lados das vías ferroviarias foron encargadas a unha empresa monfortina e comezarán esta mesma semana.

Esta actuación é froito das xestións realizadas polo Alcalde para buscar unha solución que permita mellorar a mobilidade peonil na zona e, ao mesmo tempo, impulsar a reactivación das obras de supresión dos pasos a nivel.

“Desde que se pararon os traballos, mantiven diversas xestións e contactos para tratar de axilizar o reinicio dos traballos e para conseguir unha alternativa provisional que facilite o tránsito das persoas mentres non se retoman as obras”, explica o Alcalde. Neste proceso, Monforte recibiu a visita do Subdirector xeral de Pasos a Nivel, que se reuniu co Alcalde e coa UTE adxudicataria das obras para analizar a situación e abordar as posibles solucións.

“Estas xestións deron os seus froitos e podemos dicir que vanse acometer as obras para un  paso provisional para persoas, e tamén que nun par de meses aproximadamente retomaranse as obras, na medida en que o tempo o permita”, engade o rexedor.

 

Modificado do proxecto e incremento do investimento en 1M€

O Alcalde, José Tomé, explica que a actual situación nas obras de supresión dos pasos a nivel débese á aparición de imprevistos que obrigaron a ADIF a tramitar un modificado do proxecto, co procedemento administrativo correspondente ata a súa aprobación pola Dirección do organismo ferroviario. Este modificado supón, ademais, un incremento do investimento de arredor de 1 millón de euros.

Neste senso, o rexedor monfortino lembra que a supresión dos pasos a nivel é unha actuación de especial relevancia para a cidade, tanto pola mellora da seguridade como pola eliminación das barreiras que as vías ferroviarias supoñen para a mobilidade urbana.

“Despois de aproximadamente 150 anos de presenza do ferrocarril en Monforte, este proxecto representa un avance importante, xa que foi este Alcalde e este Equipo de Goberno o que impulsou a xestión para facer realidade a supresión dos primeiros pasos a nivel dos seis existentes no casco urbano”, subliña José Tomé.

“Trátase dunha actuación que corresponde á Administración Xeral do Estado, a través dos organismos competentes, pero na que o Concello de Monforte está a traballar activamente para que avancen as obras e para que a veciñanza dispoña de alternativas mentres se completan os traballos”, conclúe o Alcalde, que reitera o seu compromiso de seguir mantendo as xestións necesarias ante ADIF para que as obras se retomen canto antes.