
Monforte de Lemos, 27 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos continúa desenvolvendo as actividades organizadas con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se conmemora cada ano o 15 de outubro, cun programa formativo dirixido a impulsar o empoderamento das mulleres e a mellorar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
A actividade está promovida pola Concellería de Muller e Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM), en colaboración con Fundación Mujeres, e leva por título “Itinerario de emprego: Adestra as túas competencias para encontrar emprego”, unha iniciativa enmarcada no programa “ALICIA-Activando la Igualdad”.
Formación para mellorar a empregabilidade das mulleres
O obradoiro estase a desenvolver ao longo do mes de outubro, os días 8, 9, 27 e 28, en horario de 9:30 a 14:00 horas, no Centro Cívico Social, con moi boa acollida, xa que todas as prazas dispoñibles están cubertas. A Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, fixo a presentación da actividade na xornada inicial, dando a benvida a todas as asistentes.
A través desta formación, as participantes poderán adquirir coñecementos sobre os recursos e ferramentas para a procura de emprego, ao tempo que traballan no seu autocoñecemento e no desenvolvemento de habilidades persoais e profesionais orientadas a mellorar a súa empregabilidade.
O programa tamén busca reforzar as habilidades sociais e de comunicación das asistentes, axudándoas a definir as súas metas profesionais e a perfeccionar as competencias necesarias para acceder a un posto de traballo, mantelo e desenvolverse nel.
A conmemoración do Día Internacional da Muller Rural constitúe unha oportunidade para visibilizar o papel das mulleres, especialmente no ámbito rural, e para promover medidas que favorezan a súa participación social e laboral, a súa formación e o seu acceso a novas oportunidades profesionais.