
Monforte de Lemos, 7 de novembro de 2026. A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela abriu as súas portas este sábado, 7 de novembro, ás 12.00 horas, comezando así a prestar servizo ás persoas usuarias da Piscina Municipal, Pavillón Polideportivo e Ximnasio Municipal, e tamén ao público xeral, xa que o acceso á instalación é libre e aberto a toda á cidadanía.
O Alcalde, José Tomé, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e outros membros do Equipo de Goberno, acudiron á posta en servizo da cafetería, así como usuarios e traballadores das instalacións deportivas, rexistrándose unha importante afluencia nesta primeira xornada de actividade.
A instalación, completamente renovada, dispón dun espazo de 105 metros cadrados, con barra, mobiliario interior e unha ampla cristaleira con vistas ás piscinas. A súa apertura permite completar os servizos que ofrece o Complexo Deportivo da Pinguela, que reúne nunha mesma infraestrutura a Piscina Municipal, o Pavillón Polideportivo e o Ximnasio Municipal.
Ademais dunha ampla variedade de bebidas quentes e frías, snacks e bocadillos, haberá un espazo corner tipo ‘self service’ para un servizo sen esperas. Será unha cafetería na que se poderá desfrutar dun ambiente familiar e un trato amable.
Horarios de apertura
A cafetería funcionará durante toda a tempada de apertura do complexo deportivo, de xaneiro a decembro, co seguinte horario:
- De luns a venres: de 8.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.
- Sábados: de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas.
- Domingos e festivos: de 10.30 a 14.30 horas.
Ademais, o horario adaptarase ás necesidades derivadas da celebración de competicións e torneos deportivos que teñan lugar no Complexo Deportivo da Pinguela, co obxectivo de ofrecer servizo ás persoas deportistas e ao público asistente a estes eventos.
Con esta apertura, o Concello completa a posta en funcionamento dos servizos previstos no Complexo Deportivo da Pinguela, reforzando a súa condición de instalación moderna e integral ao servizo do deporte e da cidadanía de Monforte.