O Concello ofrece unha nova proposta teatral no Multiusos este xoves, 12 de novembro, coa obra “A Metamorfose”, de Sarabela

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2026. O teatro regresa este xoves, 12 de novembro, ás 20:15 horas, ao Edificio Multiusos de Monforte cun novo espectáculo organizado polo Concello para o último trimestre deste ano. Desta volta, a cita é coa compañía Sarabela Teatro, que presenta a obra “A metamorfose”, adaptada e dirixida por Carlos Álvarez Ossorio, a partir da afamada novela de Frank Kafka, unha das obras máis significativas da literatura mundial.

A función enmárcase na programación cultural deseñada polo Concello de Monforte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios do AGADIC e dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo, coa que se ofrece á cidadanía unha ampla variedade de propostas escénicas ao longo do último trimestre deste ano.

Nesta edición, o programa inclúe un total de 12 espectáculos teatrais entre os meses de outubro e decembro, con propostas escénicas de compañías profesionais e grupos de teatro afeccionado.

O prezo da entrada para asistir este xoves á representación de “A metamorfose” é de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.

 

Ficha e sinopse da obra

Adaptación e dirección de Carlos Álvarez Ossorio. Baltasar Patiño encárgase da escenografía e do deseño da iluminación. O deseño do son corresponde a Renata Codda Fons e o vestiario é de Ruth Díaz Pereira. Música de Vadim Yuknevich, e coreografía de Nuria Sotelo.

O elenco está formado por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja.

Gregor Samsa leva cinco anos ocupándose da mantenza da súa familia, dende que morreu o seu pai. Un día, Gregor esperta e sente que xa non pode máis. Incapaz de levantarse da cama, o mundo preséntaselle como un lugar inhóspito e agresivo. A familia intenta comunicarse con el, pero todos os seus intentos son inútiles.

As tres mulleres -avoa, nai e irmán- que viven endebedadas e que dependen de Gregor para sobrevivir, entran en pánico ante a visión de non poder recuperarse da quebra financiera causada polo pai desaparecido. Tentarán manter a orde e a normalidade con distintas estratexias, todas elas inútiles.

A mirada da familia irá animalizando a Gregor, que se vai sentindo como un parasito. Para elas, el non é máis que un becho e el mesmo acabará aceptando a súa condición de monstro.

A Metamorfose mostra a necesidade do ser humano de ser recoñecido, valorado e amado polo que é, non polo que produce ou achega.

Que pasa cando deixamos de ser útiles para a sociedade? Ou para os demais? Temos dereito a cambiar, a transformarmos, en calquera momento da nosa vida?

PRÓXIMAS CITAS CO TEATRO NO EDIFICIO MULTIUSOS E A CASA DA CULTURA

 

Xoves 12 de novembro, 20:15 h / Edificio Multiusos

“A Metamorfose”, de Sarabela Teatro

Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte

Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 €  – Público adulto +12 anos

 

Sábado 14 de novembro, 20:00 h / Casa da Cultura

“Vermello”, de Rebuldeira Teatro-Sarria

Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte

Entrada gratuíta

 

Xoves 26 de novembro, 20:150 h / Edificio Multiusos

“A cámara escura”, de Vórtice Escénico

Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte

Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 €  – Público adulto +12 anos

 

Sábado 28 de novembro, 20:00 h / Casa da Cultura

“A Revolución, 1789... ou por aí”, de Teatreiras Monforte

Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte

Entrada gratuíta – Todos os públicos

 

Martes 1 de decembro, 20:15 h / Edificio Multiusos

“#Influencers”, de Negro López

Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte

Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 €  – Público adulto +13 anos

 

Xoves 3 de decembro, 20:15 h / Edificio Multiusos

“Alicia Wants To”, de Bengala

Circuíto Teatro Profesional / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte

Entrada gratuíta – Público adulto +12 anos

 

Sábado 5 de decembro, 20:00 h / Casa da Cultura

“Hotel Esperanza”, Grupo de Teatro Viraventos, de Monforte

Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte

Entrada gratuíta – Todos os públicos