
Monforte de Lemos, 14 de novembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, asistiu este venres na Praza de Abastos de Monforte, á celebración dunha nova edición de “Saborea e Canta o Outono”, unha iniciativa organizada pola delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), coa colaboración do Concello de Monforte.
A cita, que se desenvolveu desde as 20:30 horas ata a media noite, reuniu gastronomía, viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, música en directo e actividades infantís. As propostas gastronómicas correron a cargo dos establecementos Capitol, El Muli, Oasis e ONYX, acompañadas dos viños das adegas Galanteiro e Os Cipreses, pertencentes á DO Ribeira Sacra.
A música foi protagonista coa actuación da Batucada Tukupá e os concertos de Julliet’S e SOLO. Os máis pequenos contaron cun espazo infantil a cargo de Os Trasnos.
Coa súa presenza, os representantes municipais quixeron acompañar á Apehl e aos establecementos participantes nesta iniciativa, que contribúe a dinamizar a Praza de Abastos e a promover a gastronomía, os viños e a oferta hostaleira de Monforte e da comarca.