O Alcalde de Monforte participa na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, en Matosinhos, na que foi ratificado o seu nomeamento como Vicepresidente

Monforte de Lemos, 17 de novembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este martes, 17 de novembro, na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada na localidade de Matosinhos (Portugal). Na xuntanza, que tivo lugar na Antiga Fábrica de Conservas Vasco da Gama, foi ratificado o nomeamento de José Tomé como vicepresidente da Comisión Executiva desta institución integrada por concellos de Galicia e do Norte de Portugal, logo dos cambios realizados na presidencia trala baixa do exalcalde de Lugo, Miguel Fernández.

Faise así a efectiva a decisión adoptada o pasado mes de maio coincidindo coa inauguración da IX edición de Expocidades, en Amarante, a feira de turismo de proximidade que promove o Eixo Atlántico. O Alcalde de Monforte ocupa deste xeito o cargo que desempeñaba ata entón o rexedor de Viana do Castelo, Luís Nobre, que tomou o relevo de Miguel Fernández como presidente.

José Tomé agradeceu a confianza dos membros da comisión e destacou a importancia de asumir esta responsabilidade dentro dunha entidade que considera fundamental para fortalecer as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal. “Asumir esta Vicepresidencia supón un impulso ao compromiso de seguir traballando para reforzar os vínculos entre Galicia e Portugal, defender os intereses dos nosos territorios e promover proxectos comúns que contribúan ao desenvolvemento económico, social e cultural das dúas beiras do Miño”.

Neste sentido, José Tomé puxo tamén en valor o papel que pode desempeñar o interior de Galicia neste desenvolvemento destacando o potencial do Porto Seco de Monforte. “O interior pode xogar un papel moi importante de cara ás cidades marítimas. Ás veces, os portos teñen limitacións de espazo e os territorios do interior podemos ser complementarios, aproveitando as nosas potencialidades no ámbito do transporte e da loxística. Monforte é un nó ferroviario estratéxico, con conexións cara ao norte, ao sur e á Meseta, e conta cunha infraestrutura que naceu coa vontade de converterse nun importante nodo loxístico”.

O Alcalde subliñou que infraestruturas como o Porto Seco son fundamentais tamén para favorecer o desenvolvemento económico do interior. Neste sentido, lamentou a falta de avances da Xunta de Galicia na conexión desta infraestrutura coa N-120. “Desde que se inaugurou en 2014, non se executou nin un só quilómetro de acceso á N-120. A Xunta inclúe esta actuación nos seus orzamentos, pero despois non a executa. Non estamos ante un problema de recursos, senón de vontade política. O desenvolvemento do Porto Seco é fundamental para impulsar a actividade loxística e xerar oportunidades económicas e emprego, pero tamén para converterse nun verdadeiro polo de desenvolvemento comarcal, algo especialmente necesario para o interior de Galicia”, sinalou.

 

Orzamento de 5M€ e liñas de traballo

Na reunión abordáronse as principais liñas de traballo da entidade e aprobouse o orzamento correspondente ao exercicio 2027, que ascende a 5 millóns de euros.

Na reunión acordouse tamén que a próxima Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrarase en Guimarães o próximo mes de febreiro. Nela, os representantes dos municipios que integran a entidade aprobarán as liñas estratéxicas para 2027, concretadas no programa anual e no programa de actuación.

A aprobación do orzamento permitirá dar continuidade ás liñas de traballo do Eixo Atlántico e reforzar a súa actividade en ámbitos como o desenvolvemento económico, o turismo, a sustentabilidade urbana, a cultura, a educación, o deporte e a cooperación internacional.

A Comisión Executiva aprobou tamén o informe de xestión e o informe económico, presentados polo presidente do Eixo Atlántico, Luis Nobre, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao.

Así mesmo, fíxose balance das principais actuacións desenvolvidas polo Eixo Atlántico ao longo de 2026, un ano marcado pola cooperación internacional, a análise dos retos territoriais e o impulso de iniciativas conxuntas en distintos ámbitos. No ámbito europeo, o Eixo Atlántico liderou sete proxectos relacionados co turismo, o reto demográfico e a prevención de incendios, reforzando a cooperación entre territorios e a súa participación en iniciativas de dimensión internacional.

A planificación e a análise territorial tamén ocuparon un lugar salientable. Ao longo do ano elaboráronse estudos e informes sobre cuestións crave para o futuro das cidades, como o informe socioeconómico de Galicia e o norte de Portugal, a planificación urbana e a prevención de incendios forestais. Estes traballos abordan desafíos como o desenvolvemento económico local, o impacto da calor extrema na saúde da cidadanía, no contexto dos efectos do cambio climático, e a relación entre o abandono rural e o aumento do risco de incendios.

En materia de turismo, destaca a celebración de la IX Expocidades en Amarante, un encontro que dá visibilidade á oferta cultural, gastronómica e comercial dos municipios e fomenta o turismo de proximidade. O Eixo Atlántico seguiu traballando en novos modelos de turismo sostible e de excelencia, como o turismo policéntrico e o turismo de autor, orientados a diversificar os destinos, distribuír mellor os fluxos de visitantes e poñer en valor a identidade e os recursos propios de cada territorio.