O Alcalde presenta uns Orzamentos para 2027 que ascenden a 21,5M€: “Monforte vai ter en 2027 o maior orzamento da súa historia sen subir impostos en 12 anos”

Monforte de Lemos, 20 de novembro de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou ante os medios de comunicación o proxecto dos Orzamentos Municipais para o ano 2027, que ascenden a 21.469.134,38 euros, case 21,5 millóns de euros, cun incremento de 3.044.934,38 euros respecto a 2026, o que representa un 16,52% máis.

O rexedor, que estivo acompañado na presentación pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, destacou o “carácter expansivo, social e inversor” destes orzamentos, que manteñen conxelados os impostos e as taxas municipais por duodécimo ano consecutivo: “Monforte vai ter en 2027 o maior orzamento da súa historia, un fito que conseguimos sen subir os impostos e as taxas municipais en 12 anos”. Incidiu, ademais, no feito de que este é o duodécimo ano consecutivo no que o seu Equipo de Goberno presenta os orzamentos municipais en tempo e forma, “cumprindo o compromiso adquirido cos monfortinos e monfortinas en 2015, cando cheguei á Alcaldía”.

José Tomé explicou que estas contas “están sustentadas en dous piares fundamentais do Goberno municipal: os servizos sociais e os investimentos, o que demostra que a nosa bandeira é a preocupación social, e que todo xira arredor das  persoas, e tamén na mellora da cidade e das parroquias”. Un ano máis, incidiu, “son os orzamentos máis sociais da historia do Concello de Monforte e uns orzamentos mellorados ano a ano”.

O orzamento será sometido a debate e aprobación no Pleno municipal do vindeiro luns 30 de novembro.

 

O maior orzamento da historia de Monforte, cun incremento do 16,52%

No repaso das principais cifras económicas, José Tomé detallou que a previsión de ingresos e gastos para o ano 2027 ascende a case 21,5 M€, fronte aos 18.424.200 euros do exercicio 2026. Isto supón un incremento de máis de 3 millóns de euros, concretamente 3.044.934,38 euros, un 16,52% máis.

No capítulo de ingresos, un total de 6.517.109,40 euros corresponden á participación nos Tributos do Estado, mentres que 1.042.989,33 euros proveñen dos Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia. Neste punto, o Alcalde sinalou que “outro ano máis, o Goberno da Xunta está moi lonxe de igualar ao Estado para axudar a Monforte como se merece”.

Entre os ingresos municipais que merecen especial atención, o rexedor destacou os seguintes:

-A partida correspondente ao IBI mantense en 4.150.000 euros, a mesma cantidade que en 2026, conservando o mesmo gravame dos exercicios anteriores, sen ningún incremento desde 2012, “cando un Real Decreto Ley do PP de Montoro obrigou aos Concellos a subir o IBI ata o 0,605”, explicou Tomé.

-Pola súa banda, a partida da taxa de lixo increméntase en 86.278,14 euros, pasando de 1.786.837,55 euros en 2026 a 1.873.115,69 euros en 2027, un 4,8% máis. Este aumento, indicou o rexedor, “débese ao incremento do canon de Sogama, que xa figura diferenciado no recibo, do mesmo xeito que acontece co recibo da auga, no que se separan o consumo e o canon da Xunta de Galicia”.

-No referido á Piscina Municipal, que desde a súa reforma integral experimenta un incremento progresivo no número de socios, prevense uns ingresos de 400.000 euros, 95.835,86 euros máis que en 2026, o que representa un aumento do 31,5%.

-O orzamento incorpora tamén 270.242,05 euros previstos pola urbanización da Zona D, correspondentes á repercusión do custo da urbanización. Esta contía, xunto con partidas que aumentan como a da Piscina Municipal ou a do imposto do 1,5% que deben satisfacer as empresas enerxéticas e de gas, “contribúe a que o Capítulo 3 aumente en máis de 420.000 euros, pasando dos 3.806.911,69 euros de 2026 aos 4.235.217,74 euros de 2027”, subliñou o Alcalde.

-Así mesmo, o rexedor avanzou que o orzamento contempla tamén a posibilidade de concertar un préstamo de 795.000 euros, “que non se vai contratar debido á incorporación de remanentes no mes de marzo, o que permitirá unha maior rapidez e operatividade na xestión económica municipal, igual que fixemos outras veces, como por exemplo, coa Piscina”.

 

Os gastos previstos

No apartado dos gastos, o Capítulo 1, correspondente ao persoal, ascende a 6.042.742,59 euros, o que supón un incremento de 262.285,33 euros respecto a 2026, un 4,54% máis.

O rexedor explicou que “esta subida responde ao previsible incremento salarial establecido para o conxunto do Estado, do 4,5%, máis un 0,5% adicional se a inflación supera o 1,5% a final de ano, polo que, en definitiva, o incremento salarial dos funcionarios será do 5%”. Ademais, recóllese a cobertura de novos postos de traballo, concretamente dúas prazas nas áreas de Cultura e Medio Ambiente.

No Capítulo 2, correspondente ao gasto corrente, a partida total ascende a 10.994.611,07 euros, fronte aos 10.127.264,17 euros de 2026. Isto representa un incremento de 867.346,90 euros, un 8,56% máis, debido principalmente á achega para o Servizo de Axuda no Fogar e ao incremento dos custos do servizo de recollida do lixo, que se actualizan segundo o 85% do IPC establecido no contrato.

Tamén se inclúen nesta partida, entre outros, os gastos de limpeza e mantemento dos parques, o consumo de enerxía eléctrica das diferentes dependencias municipais e o incremento xeral dos custos dos servizos que presta o Concello.

O Alcalde fixo especial fincapé no servizo de Axuda a Domicilio, que figura neste capítulo como gasto corrente, pero que, segundo destacou, “para min non é un gasto, como digo sempre, senón que é unha inversión nas persoas, que son a prioridade deste Goberno municipal”.

No Capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, a partida total ascende a 1.227.468,08 euros, unha cantidade practicamente igual á do exercicio anterior.

Pola súa banda, nos Capítulos 6 e 7, correspondentes aos investimentos, o importe destinado a este apartado para 2027 ascende a 2.766.708,22 euros, fronte aos 1.021.923 euros de 2026. Isto supón 1.744.785,22 euros máis, un incremento do 170,7%, case o triplo do orzamento actual.

O Alcalde destacou que, “a esta contía, hai que engadir os convenios en marcha e o crédito retido para proxectos xa comprometidos, polo que o volume total de investimentos será aínda maior para que Monforte siga medrando económica e socialmente”.

 

Orzamentos expansivos, sociais e investidores

José Tomé destacou o carácter “expansivo, social e inversor” dos orzamentos municipais para 2027, que se sustentan nos dous piares fundamentais da acción do seu Equipo de Goberno: os servizos sociais e os investimentos.

“Os números falan por si sos, porque noso obxectivo son as persoas, e queremos que todos os veciños e veciñas que o necesiten teñan a seguridade de que o Concello os vai apoiar”, afirmou.

O rexedor tamén puxo en valor que estes orzamentos manteñen conxelados os impostos e as taxas municipais, sen subas, agás as actualizacións derivadas das cláusulas do IPC nos contratos de determinados servizos, como a auga e o lixo, nas que non se incrementan as tarifas municipais.

Ademais, mantense a redución do 50% na taxa do Cemiterio, unha medida que beneficia especialmente ás persoas maiores, que son maioritariamente as titulares dos nichos e as que aboan esta taxa.

 

Os SERVIZOS SOCIAIS, un dos piares básicos dos orzamentos

A atención ás persoas continúa sendo unha das prioridades fundamentais do orzamento municipal para 2027.

Dentro do gasto social, destaca a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar, que ascende a 2.174.277,76 euros, fronte aos 2.008.000 euros do exercicio actual. Isto supón un incremento de 166.277,76 euros, que o Concello destina a reforzar a atención ás persoas que precisan este servizo.

Mantense a partida de Emerxencia Social en 75.000 euros, cantidade que, segundo os Servizos Sociais municipais, permite atender as necesidades dos fogares nos que se atopan persoas maiores e menores.

Tamén se mantén a achega ao programa Xantar na Casa, ao que se destinan 64.855 euros en 2027. O Alcalde recordou que a Xunta de Galicia financia un 46,66% do servizo, mentres que o Concello e os usuarios asumen o 53,34% restante, a pesar de tratarse dunha competencia autonómica. O rexedor destacou a importancia deste programa, que permite que moitas persoas maiores poidan continuar nos seus fogares mantendo unha alimentación saudable. Na actualidade, o Concello dá cobertura a 35 persoas a través desta iniciativa.

O orzamento aumenta tamén a partida correspondente ás actividades do Programa Activa, que se desenvolven no Centro Cívico e nas distintas parroquias. Esta iniciativa, posta en marcha polo actual Equipo de Goberno, ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo e previr situacións de soidade non desexada. A partida ascende a 70.000 euros, 5.000 euros máis que en 2026. O Alcalde lembrou que este ano se alcanzaron as 741 prazas, “unha mostra da boa acollida que ten entre a cidadanía”.

No ámbito da conciliación familiar, mantense a partida destinada ás actividades do Campamento Deportivo de Verán, cunha contía de arredor de 50.000 euros, co obxectivo de ofrecer alternativas de conciliación ás familias durante o período estival, atendendo tamén os nenos e nenas con necesidades especiais.

O Centro de Información á Muller (CIM) incrementa a súa partida, que pasa de 30.000 euros en 2026 a 35.000 euros en 2027, para ampliar as actividades destinadas ás mulleres.

No ámbito educativo, mantéñense as partidas destinadas ás axudas para a adquisición de libros de texto, con 35.000 euros, e as correspondentes ao transporte para estudantes universitarios e de ciclos formativos, con 25.000 euros.

O obxectivo, indicou o rexedor, “é atender ás necesidades das familias tanto para adquirir o material escolar necesario para a actividade educativa, como para sufragar os gastos das viaxes dos nosos estudantes fora da nosa cidade”.

En canto ao transporte escolar, a partida aumenta de 25.000 a 30.000 euros. Así mesmo, mantense a gratuidade do Bus Urbano, cun custo previsto de 76.975 euros en 2027. O Alcalde destacou os bos resultados deste servizo, que pechou 2025 coas mellores cifras de viaxeiros da súa historia, alcanzando os 93.643 usuarios, 11.063 máis que no ano anterior, un incremento do 13,4%.

No próximo mes de decembro cumprirase un ano da posta en marcha do Bus Rural, un servizo novidoso e gratuíto destinado ás persoas que viven nas parroquias, cuxo custo anual recollido no orzamento ascende a 67.074 euros.

Pola súa banda, a partida destinada á Gardería Municipal ascende a 256.081,09 euros, fronte aos 158.030,64 euros de 2026, o que supón un incremento de 98.050,45 euros. Con esta achega, o Concello sufraga arredor do 95% dos custos da instalación e mantén a gratuidade para as familias.

Neste punto, José Tomé insistiu en que “a gratuidade da gardería de Monforte débese ao Concello, non á Xunta de Galicia, que nin constrúe nin axuda”. Así mesmo, asegurou que o Concello continuará demandando á Xunta a construción dunha escola infantil pública da Galiña Azul en Monforte, ante a crecente demanda de prazas.

O orzamento contempla tamén unha partida de 12.000 euros para o Conservatorio Municipal e a Escola de Música, destinada á adquisición de mobiliario e instrumentos musicais, dando continuidade ao investimento iniciado en 2022 neste centro.

Mantéñense igualmente as partidas destinadas ás asociacións culturais, con 15.000 euros, e ás entidades sociais, con 12.000 euros, para apoiar as actividades que desenvolven.

No ámbito do comercio, increméntase en 3.000 euros a achega ao Centro Comercial Urbano (CCU), que pasa de 12.000 a 15.000 euros, co obxectivo de apoiar as actividades de promoción e dinamización comercial.

Para o conxunto das actividades de promoción cultural, o orzamento municipal para 2027 contempla unha partida de 200.000 euros.

 

 

Outro dos piares fundamentais do Equipo de Goberno: os INVESTIMENTOS

O segundo gran piar destes orzamentos son os investimentos, aos que o Concello destina 2.766.708,22 euros, case o triplo da cantidade recollida no orzamento de 2026. O Alcalde destacou que se trata do “maior orzamento de investimento directo da historia de Monforte, próximo aos 3 millóns de euros, tal e como se recolle no anexo de investimentos reais”.

 

Entre as actuacións e achegas máis destacadas que figuran nesta partida, José Tomé sinalou as seguintes:

-133.000 euros de fondos propios para a construción da Ponte do Malecón, que no conxunto do convenio contará cunha partida anual de 1,5 millóns de euros.

-250.000 euros de achega municipal para o convenio da N-120.

-150.000 euros destinados á mellora de vías urbanas.

-68.979,60 euros para a senda peonil de 4 quilómetros coa que se sanearán os regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel.

-46.500 euros de achega ao convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para mellorar o saneamento e a depuración do Polígono Industrial do Reboredo.

-20.000 euros destinados á mellora do saneamento integral da cidade, concretamente para o tanque de tormentas do Parque dos Condes, dentro do convenio asinado coa Confederación Hidrográfica.

-30.000 euros para a renovación de semáforos.

-20.000 euros para a adquisición de fincas xunto á Muralla.

 

O rexedor tamén destacou que se consolida a partida destinada ao fomento da creación de emprego por parte das empresas e dos autónomos, cunha contía de 30.000 euros. “Esta achega, xunto coas bonificacións incorporadas no ICIO, IBI e IAE para favorecer a creación de emprego, demostra o compromiso deste Equipo de Goberno co desenvolvemento económico e empresarial, que permitiu a Monforte contar coa cualificación de Concello Emprendedor”.

No apartado de Deportes, detallou, “increméntase o orzamento nun 14,56%, pasando de 320.240 € a 366.888,33 € para 2027, mantendo as axudas a clubs e a participación en campionatos de España, europeos e mundiais, incrementado as axudas a deportistas individuais, o apoio ao Rally Dakar e investindo na mellora das instalacións deportivas tanto no Luis Bodegas como na Pinguela”.

 

Máis recursos para a Feira Medieval, o Festival do Viño e as Festas Patronais

O Alcalde avanzou tamén que o orzamento de 2027 reforza a aposta municipal polos principais eventos festivos e turísticos de Monforte.

No caso da Feira Medieval, incrementarase o gasto destinado ás actividades, en relación co exercicio 2026, “co obxectivo de que siga medrando e non existan inconvenientes para acadar o seu recoñecemento como Feira de Interese Turístico de Galicia. Un incremento que será sufragado pola Deputación de Lugo e polo Concello de Monforte”, indicou.

Polo que respecta ao Festival do Viño, tamén se incrementará a partida económica, “para que esta festa do viño do conxunto da Ribeira Sacra siga consolidándose e contribúa á promoción dos nosos viños e ao desenvolvemento turístico desta comarca”.

En canto ás Festas Patronais, José Tomé asegurou que seguirá “apostando con forza por elas, cun orzamento previsto semellante ao de 2026 para o apartado musical, que se incrementará se fose necesario, como vimos facendo todos estes anos”. Neste sentido, o Alcalde avanzou que o programa musical das próximas Festas Patronais de 2027 xa está acordado, aínda que non desvelou polo momento os nomes dos artistas e grupos que formarán parte da programación.

Finalmente, no referido ás subvencións para as festas das parroquias e dos barrios de Monforte, mantense unha partida de 25.000 euros, asignando a mesma cantidade de 1.000 euros a cada parroquia ou barrio.

 

Uns orzamentos pensados por e para Monforte

Na conclusión da súa intervención, José Tomé insistiu en que os dous piares fundamentais destes orzamentos son os servizos sociais e os investimentos: “Queda claro que estes orzamentos son, un ano máis, os máis sociais da historia do Concello de Monforte e son uns orzamentos mellorados ano a ano”, afirmou.

O rexedor volveu incidir no incremento do 16,52% respecto ao exercicio anterior, unha suba que, segundo sinalou, demostra a maior capacidade económica do Concello e a súa aposta por destinar máis recursos ás necesidades da cidadanía.

“Como ven, estes orzamentos vannos permitir seguir mellorando a nosa cidade, tal e como vimos facendo desde que cheguei a esta Alcaldía. Están pensados unicamente por e para os monfortinos e as monfortinas, é dicir, están pensados por e para Monforte de Lemos, e vannos permitir seguir mellorando o noso Concello”.

José Tomé cualificou as contas de “moi bos orzamentos para Monforte” e manifestou a súa confianza en que os demais grupos municipais tamén apoien co seu voto este proxecto no Pleno do vindeiro luns 30 de novembro.

Neste punto, o Alcalde considerou que “non existen razóns obxectivas para votar en contra dun orzamento que aumenta nun 16,52%, reforza os servizos sociais e multiplica os investimentos, agás que se busque unicamente o rédito político”. Tamén criticou as posicións contrarias anticipadas sen coñecer o documento, en referencia ás declaracións da voceira do PP, Katy Varela.

En todo caso, José Tomé concluíu asegurando que os orzamentos serán aprobados pola ampla maioría absoluta elixida polos veciños e veciñas de Monforte.