Monforte de Lemos, 26 de novembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este xoves na presentación da campaña O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha iniciativa que promoven a Deputación Provincial de Lugo e a Federación de Comercio de Lugo para impulsar as compras no comercio local.
O acto tivo lugar na Praza da Compañía, diante das Casitas, ás 12:00 horas, e contou coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e do presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, así como da tamén da Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e varios representantes do Centro Comercial Urbano de Monforte que acaba de renovar a súa directiva. Concretamente, o xerente Ánxel Folgueira, Mara González e Félix Díaz.
A iniciativa busca dar visibilidade aos pequenos establecementos e incentivar as compras no comercio local durante as semanas previas ao Nadal, un período especialmente importante para a actividade deste tipo de negocios.
Nova etapa no CCU de Monforte
Na súa intervención, pechando o acto, o Alcalde quixo trasladar a súa benvida á nova directiva do Centro Comercial Urbano, á que felicitou por asumir esta responsabilidade e agradeceu o seu compromiso para dar continuidade á asociación. Nesta liña, José Tomé destacou a importancia de contar cunha entidade que represente e defenda os intereses do comercio local, e expresou o seu desexo de que esta nova etapa veña acompañada de novos proxectos e iniciativas para seguir dinamizando o comercio de proximidade en Monforte.
O rexedor detallou que o Orzamento municipal para 2027 que o Equipo de Goberno levará a pleno o vindeiro luns, 30 de novembro, contempla un incremento de 3.000 € na partida destinada ao CCU, que ascenderá a un total de 15.000 €.
O Gran Sorteo
O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo é unha campaña que ten como principal atractivo o sorteo dun vehículo híbrido. O coche, un MG3 Hybrid+, deuse a coñecer durante o acto de presentación e estivo exposto diante das Casitas durante toda a mañá.
A campaña desenvolverase ata o 30 de novembro, polo que a cidadanía aínda está a tempo de participar e apoiar os negocios locais, especialmente neste período previo ao Nadal, que é especialmente importante para a actividade comercial. Para participar, os consumidores deberán realizar unha compra por un importe igual ou superior a 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia de Lugo e rexistrar o tícket na web habilitada www.sorteocomercio.es/coche.
Ademais, os propios comerciantes teñen a posibilidade de rexistrar as compras en colaboración coa clientela. Esta modalidade permite obter unha participación adicional no sorteo. En ambos os casos, será necesario conservar ou fotografar o boleto como xustificante da compra.

O sorteo do MG3 Hybrid+ celebrarase o 3 de decembro, ante notario, no Pazo de San Marcos, en Lugo. A identidade da persoa gañadora darase a coñecer a través da web oficial da campaña.
O Gran Sorteo reafirma así o seu obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos de proximidade e lembrar que cada compra no pequeno comercio contribúe a manter vivas as vilas e a fortalecer a economía local.
A campaña afronta a súa recta final con alta participación nos 67 concellos da provincia e tíckets procedentes de máis de 2.700 establecementos comerciais.
Dinamizar o comercio local
O Alcalde, José Tomé, destacou a importancia de promover iniciativas que contribúan a dinamizar o comercio de proximidade e a poñer en valor o papel que desempeñan os pequenos establecementos no desenvolvemento económico da cidade. “O comercio local xera actividade económica e emprego e contribúe a dar vida ás nosas rúas e a manter unha relación próxima e directa coa cidadanía”.
Así mesmo, agradeceu o impulso desta campaña por parte da Deputación e da Federación de Comercio de Lugo, e animou á veciñanza a participar nela: “Cada vez que mercamos nun establecemento do comercio local estamos apoiando aos nosos comerciantes, contribuíndo a manter os seus negocios e favorecendo que a riqueza quede no noso territorio. Por iso, é importante que os consumidores sexamos conscientes do valor que ten apostar polo comercio de proximidade”.
Pola súa banda, o deputado provincial Pablo Rivera destacou o carácter “diferencial e innovador” desta iniciativa, coa que se busca captar a atención dos consumidores, sobre todo nesta época do ano. No mesmo sentido pronunciouse José María Seijas, que incidiu na importancia de fortalecer o tecido local, potenciar a economía da provincia e incentivar a sensibilización e participación dos consumidores.