Monforte acolle unha nova edición do torneo de Volei Praia, no Cadrado do Parque dos Condes, entre o 18 e o 24 de agosto

16 de agosto de 2018. O Concello de Monforte colabora, un ano máis, co Club Korbis para poñer en marcha o Torneo de Volei Praia.

 

O Alcalde, José Tomé, explicou que “unha das novidades desta novena edición é a instalación de dous campos de volei Praia, para deste xeito, poder dar resposta á alta demanda de participación no evento deportivo e celebrar un número moito máis alto de partidos”.

 

Está previsto que este ano haxa 202 participantes, son 90 máis dos que houbo na anterior edición: “o crecemento deste torneo de Volei Praia é moi grande, mantemos cadro masculino, femenino e mixto, pero a maiores, este ano engadimos a categoría pais e fillos. Temos xa 31 equipos inscritos neste último apartado. É todo un éxito”, destaca Roberto Castro, do Club Korbis.

 

O mandatario local destacou tamén que o Concello de Monforte colabora coa aportación do material necesario para o desenvolvemento do evento, como por exemplo, redes, postes e trofeos. A maiores, a administración municipal realizou melloras na iluminación.

 

Por outra parte, dende o Club Korbis destacaron que os establecementos comerciais de Monforte colaboran con este evento deportivo por medio de agasallos ós participantes.