O Goberno local mellorará parte do firme da rúa Ourense e outros 8 viais da súa contorna

21 de agosto de 2018. O Alcalde, José Tomé, anuncia un novo proxecto para mellorar os viais que unen as rúas Cobas e Ourense, ós que se vai dotar dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente. En concreto, vaise actuar nas rúas Pantón, Perfecto, Río, Ribas de Sil, Courel e Diego de Lemos. Desta obra tamén se van beneficiar as travesías Conde Froila Díaz e Poeta Pero de Veer.

 

O mandatario local engadiu que “polo que respecta á rúa Ourense, renovarase o firme dende a rúa do Río ata a rotonda, nunha lonxitude aproximada de 700 metros; tamén se mellorarán algunhas zonas das beirarrúas”.

 

O rexedor sinalou tamén que “con este proxecto imos cambiar a totalidade da imaxe desta zona, que experimentará unha mellora integral, tralas que xa realizamos na rúa Cobas”.

 

 

Con este proxecto o Equipo de Goberno quere dar resposta ás necesidades de mellora urbana dunha zona da cidade na que, dende hai anos, non se acometeu ningunha obra. “O noso obxectivo é que Monforte sexa unha cidade atractiva e agradable para todos. As melloras que propoñemos neste proxecto van beneficiar un barrio da periferia, en concreto, imos actuar na rúa Ourense e en tódalas travesías que hai á súa marxe esquerda e dereita. Trátase dunha zona moi poboada da cidade e que experimentou un crecemento importante”, apuntou José Tomé.

 

Investimento de 130.000 euros

 

O custe de licitación destas obras ascende a 130.000 euros. Desta cantidade, a Deputación Provincial de Lugo aportará 70.000 euros, o que representa un 60% do total. Pola súa parte, o Concello de Monforte destinará a estas obras 52.000 euros, o 40% restante.

 

A previsión é que as obras nas travesías comecen o vindeiro mes de setembro; mentres que na rúa Ourense os traballos iniciaránse entre outubro e novembro.

 

O Alcalde ten previsto anunciar nos próximos días outros proxectos para mellorar ata un total de 30 rúas, antes de que finalice o ano.