O Concello inicia as obras de melloras na iluminación pública do aparcamento do Parque dos Condes

Monforte de Lemos, 4 de febreiro de 2019. O Concello de Monforte segue adiante coa execución novos proxectos para continuar avanzando na mellora de iluminación pública da cidade.

Nesta liña, o Goberno municipal ven de iniciar o pasado venres, os traballos de instalación do novo sistema de alumeado público no aparcamento do Parque dos Condes. Deste xeito, as obras foron visitadas esta mañá por José Tomé Roca, alcalde da cidade, que estivo acompañado por José Luís Losada, concelleiro de Servizos, a técnico de servizos do Concello, así como o responsable da empresa monfortina Raúl e Hijos, adxudicataria da obra.

Espérase, desde o Concello, que a instalación das luminarias do Parque dos Condes remate neste mes de febreiro. Houbo un pequeno retraso no inicio das obras, debido á recepción dos materiais, pois a empresa fabricante só os realiza baixo demanda. Pero se non xorden outro tipo de imprevistos, agárdase que a iluminación estea en funcionamento antes do Antroido.

A obra de mellora lumínica do Parque dos Condes ven a substituir á actual instalación unilateral arredor da zona de aparcamento, que conta con luminarias tipo proxectores en mal estado sobre postes de formigón e madeira, de alta potencia de 400 W en vapor de sodio de alta presión.

A obra consistirá na instalación dun novo cadro de mando, na substitución das luminarias e dos apoios que se atopan en mal estado, e na instalación de 16 columnas metálicas de 12 metros. Para elo, tamén se levará a cabo a canalización e cableado xeral da instalación.

Na iluminación do aparcadoiro, utilizaranse luminarias de Clase I tipo LED DIGISTREET BGP762 LED220‐4S/740 I DM50 SRG10 LS‐6, así como sistema multinivel mediante reductor estabilizado que favorecerán considerablemente o aforro económico, enerxético e de emisións de gases de efecto invernadeiro (CO2).

Así, o Concello solventará as deficiencias de iluminación dun dos principais aparcadoiros da cidade, moi utilizado polos veciños de Monforte pola súa boa ubicación.

Máis rendemento lumínico

Desde o Concello, búscase, con este e outros traballos xa levados a cabo en moitas zonas da cidade e tamén das parroquias, aumentar o rendemento lumínico das diferentes instalacións pero sen que haxa un incremento no consumo. Xa que unha das prioridades deste Goberno municipal está sendo recuperar e mellorar a iluminación de Monforte.

De feito, na zona rural entre a instalación de novos puntos de luz e o encendido de farolas que estaban apagadas, a día de hoxe hai máis de 200 puntos de luz. E na cidade, o Concello mellorou a iluminación de máis dunha trintena de rúas.