O Concello inicia as obras de mellora no firme das rúas Juan Montes e Padre Feijoo

Monforte de Lemos, 7 de febreiro de 2019. O Concello de Monforte segue adiante cos seus plans para mellorar diferentes rúas da cidade; desta volta, o Alcalde anunciou que se van realizar actuacións nas rúas Juan Montes e Padre Feijóo.

Ambas rúas contarán cunha nova capa de aglomerado en quente de 4 centímetros de espesor. O investimento desta actuación ascende a 108.682,27 euros, destinándose 87.964,43 euros á rúa Juan Montes e 20.717,84 euros á rúa Padre Feijoo.

José Tomé Roca apunta que “dado que as condicións do tempo o permiten, estas obras estanse levando a cabo desde onte, e na vindeira semana esperamos acometer novos acondicionamentos do firme noutras rúas”. O Alcalde engade que “estas zonas nas que imos  acometer estes traballos, levaban moitos anos sen que se fixera nelas ningunha obra, xa era hora de que os veciños que viven nestas zonas da cidade tamén gocen das actuacións de mellora que vimos realizando dende o Concello”.

Rúa Padre Feijoo

As obras programadas nesta rúa acometerán actuacións polo lado leste da vía férrea, en concreto nun tramo que vai desde o seu inicio á altura do paso a nivel de Río Seco ata a sé do Museo do Ferrocarril de Galicia, atravesando a rúa Juan Montes.

As actuacións consistirán no fresado do pavimento da súa parte inicial, onde presenta un ancho superior ao do resto da vía, mantendo a parte da mesma en formigón, sobre o que non se actuará, así como no empalme coa rúa Viviendas de RENFE e as ramplas de varias das entradas a baixos existentes no tramo anterior ao encontro da vía coa rúa Juan Montes. No tramo final de actuación, existente antes da porta de entrada ao Museo do Ferrocarril, farase unha limpeza manual do borde que dá á vía do ferrocarril.

Posteriormente, procederase ao varrido de toda a superficie do pavimento existente por medios mecánicos, consistente nunha limpeza enérxica da súa superficie mediante cepillo de fío, tras o cal, aplicarase unha capa de aglomerado en quente tipo D-12, de 4 cm. de espesor.
 

Antes do pintado procederase ao recalce ou levantado de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros e demais elementos existentes na estrada, ata o novo nivel do pavimento. Para rematar, procederase ao pintado da vía, coa marcaxe das liñas, cebreados e símbolos correspondentes.

Rúa Juan Montes

Trátase da actuación de maior extensión, abarcando o tramo da rúa Juan Montes que vai desde o paso a nivel da liña de ferrocarril “A Coruña-Palencia” que divide a esta, coincidindo co lugar de unión coa rúa Dr. Fleming anterior, ata o final do núcleo urbano delimitado polas NSP do Concello de Monforte de Lemos.

Primeiramente, eliminaranse as ramplas de accesos a garaxes e plantas baixas existentes en diferentes zonas da vía. Logo, aplicarase un fresado das zonas de entronque coa rúa Dr. Fleming e cos demais camiños e rúas que enlazan coa vía (rúa Lor, do
Pontillón,…), así como daqueles sitios onde existen resaltes ou engadidos sobre o pavimento.

Posteriormente, procederase ao varrido de toda a superficie do pavimento existente por medios mecánicos, consistente nunha limpeza enérxica da súa superficie mediante cepillo de fío, tras o cal, aplicarase unha capa de aglomerado en quente tipo D-12, de 4 cm. de espesor.
 

Antes do pintado procederase ao recalce ou levantado de tapas de pozos, arquetas, sumidoiro e demais elementos existentes na calzada, ata o novo nivel do pavimento. Para rematar, procederase ao pintado da vía, coa marcaxe das liñas, cebreados e símbolos correspondentes. E instalaranse as seguintes sinais:

  • 1 sinal de perigo “Paso a nivel con barreiras”, á altura do paso a nivel.
  • 6 sinais de indicación de paso de peóns, tanto para o xa existente como para os dous novos que se marcarán (2 por paso, situado cada un no seu respectivo carril).