O Alcalde convoca ós membros do Consello Municipal de Saúde para a súa constitución

Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2019. Tal como había comprometido o Goberno Municipal durante a celebración do Pleno do mes de xaneiro, o Equipo de Goberno acaba de convocar a sesión constitutiva do Consello Municipal de Saúde, que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello o próximo xoves día 21 de febreiro ás 11 da mañá.

Aínda que non todos os organismos que forman parte do Consello designaron ó seu representante, o Alcalde decidiu convocar igualmente a sesión constitutiva motivado en que considera que desde o mes de outubro tiveron tempo máis que suficiente para designar ós diferentes representantes, cousa que fixo aínda na mañá de hoxe luns a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte.

En total, están convocados a esta primeira reunión un total de 18 de persoas, incluído o Secretario do Concello, con un único punto na orde do día, que é, a constitución do Consello Municipal de Saúde de Monforte.

Tal e como figura no regulamento o Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta, o debate e o seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal. As funcións do Consello Municipal de Saúde son:

  1. Estudiar a situación sanitaria e os seus problemas no ámbito do Concello.
  2. Emitir informes, por iniciativa propia ou dos órganos de Goberno Municipal, sobre as materias da súa competencia.
  3. Elevar propostas e informes ós órganos de dirección e de representación da área de Saúde, e ó Servizo Galego de Saúde.
  4. Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ó Concello, para seren debatidas nas comisións informativas municipais correspondentes, e darlles traslado ás administracións competentes.
  5. Promover a participación comunitaria en temas de saúde.

O Consello Municipal de Saúde reunirase ordinariamente unha vez ó ano e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicite a metade máis un dos seus membros.