Constitúese hoxe en Monforte o Consello Municipal de Saúde

Monforte de Lemos, 21 de febreiro de 2019. O salón de plenos da Casa do Concello de Monforte acolleu na mañá de hoxe a sesión constitutiva do Consello Municipal de Saúde.

O único punto na orde do día foi precisamente a constitución de dito concello. Ao acto asistiron 16 dos 18 convocados, entre eles o Alcalde, José Tomé Roca, que presidiu o acto,  as concelleiras de Servizos Sociais e de Sanidade, Gloria Prada e Pilar Espinosa respectivamente, e o secretario do Concello,  José Antonio Mourelle Cillero, entre outros.

O Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta, o debate e o seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal. As funcións do Consello Municipal de Saúde son:

  1. Estudiar a situación sanitaria e os seus problemas no ámbito do Concello.
  2. Emitir informes, por iniciativa propia ou dos órganos de Goberno Municipal, sobre as materias da súa competencia.
  3. Elevar propostas e informes ós órganos de dirección e de representación da área de Saúde, e ó Servizo Galego de Saúde.
  4. Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ó Concello, para seren debatidas nas comisións informativas municipais correspondentes, e darlles traslado ás administracións competentes.
  5. Promover a participación comunitaria en temas de saúde.

O Consello Municipal de Saúde reunirase ordinariamente unha vez ó ano e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicite a metade máis un dos seus membros.