A Cabalgata de Reis de Monforte partirá, como é tradición, da Estación do Ferrocarril

Monforte de Lemos, 3 de xaneiro de 2020. A Cabalgata de Reis do Concello de Monforte, celebrarase, como é tradición, este domingo 5 de xaneiro.

Ás 16:50 horas está prevista a chegada dos Reis Magos de Oriente á Estación do Ferrocarril da cidade. Dende alí, a Comitiva Real irá encabezada por unha carroza en forma de estrela á que seguirán 4 cisnes e 4 fadas, as 3 carrozas Reais e os seus paxes, así coma o Grupo de Gaitas do Concello de Monforte de Lemos e unha charanga. A comitiva de paxes estará formada por 100 nenos e nenas de 6º de primaria dos centros educativos de Monforte.

A Comitiva Real partirá arredor das 18:00 h. dende a Praza da Estación, e percorrerá as rúas de Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia, finalizando no Campo de Santo Antonio ante a Casa do Concello, onde os Reis Magos serán recibidos polo Sr. Alcalde do Concello de Monforte de Lemos e demais autoridades e membros da corporación municipal.

A continuación as Súas Maxestades de Oriente lerán o discurso de Reis dende o balcón do Concello, finalizando a súa visita coa recepción ós nenos e ás nenas da cidade na planta baixa da Casa do Concello.