O Concello de Monforte rexeita taxantemente o peche da Estación de Autobuses por parte da Xunta de Galicia durante as fins de semana

Monforte de Lemos, 15 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, salientou en roda de prensa a situación de abandono e precariedade da Estación de Autobuses de Monforte, logo de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia comunicase a pasada semana o peche da mesma durante as fins de semana. “O Concello de Monforte denuncia este novo recorte de servizos públicos aos que nos ten acostumados a Xunta de Galicia, cando o compromiso do Presidente Feijoo era que esta ía ser a lexislatura do rural. Os feitos demostran xustamente o contrario, o que esta facendo o señor Feijoo é o desmantelamento dos servizos públicos no rural, facendo cada día máis difícil que as persoas que viven no interior de Galicia teñan cada vez máis dificultades para desenvolver a súa vida diaria”.

O mandatario municipal, que estivo acompañado na súa comparecencia pola 1ª Tenente de Alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Gloria Prada, denuncio a situación de engano á que os responsables da Consellería e do ente autonómico levan ós monfortinos: “dicimos que enganaron ós monfortinos porque en moitas ocasións anunciaron investimentos de mellora na citada Estación de Autobuses, concretamente a última vez que se levou a cabo, realizouna o actual delegado da Xunta en Lugo, o día 24 de xullo de 2019, fai case 6 meses, cando anunciou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, que dirixe a conselleira dona Ethel Vázquez, ía investir 165.000 euros na mellora das instalacións para cambiar a imaxe interior e exterior do edificio, coa previsión de que as obras estarían rematadas nesta primavera. Seis meses despois non sabemos nada deste proxecto, que non foi remitido a este Concello, nin o orzamento das obras que anunciaron, convertendo o anuncio que fixeron nunha cortina de fume”.

Por outra banda, o Concello de Monforte aprobou en Xunta de Goberno do pasado día 16 de decembro, requirir á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Transportes, para que retirara as marquesiñas propiedade da Xunta de Galicia ubicadas na rúa Morín e xustamente diante da Estación de Autobuses, na rúa San Pedro, e para que as substituíra por unhas novas. “Ese acordo”, indicou Tomé Roca “que remitimos á Xunta de Galicia, estaba amparado nun informe técnico do Aparellador municipal acompañado de imaxes gráficas onde se constataba o estado de absoluto deterioro no que se atopan as marquesiñas e a potencial perigosidade que poden acarrexar para os cidadáns”.

Búsqueda de solucións

Para tratar de reverter esta situación, sinalou o Alcalde, “levaremos ó próximo Pleno do presente mes de xaneiro, unha moción para que a Xunta de Galicia volva á situación anterior, para que se poidan expedir billetes os sete días da semana, dado que isto xenera un gran prexuicio ó conxunto dos cidadáns, pero dun xeito moi especial, ós estudantes que teñen que desprazarse ata outras cidades para poder chegar ós seus centros de estudo”. Do mesmo xeito, salientou que “tamén trasladaremos este asunto ó grupo provincial da Deputación de Lugo e ó grupo parlamentario socialista no Parlamento Galego, para que presenten iniciativas no mesmo sentido”.

O Alcalde aludiu tamén a que a escusa esgrimida pola Xunta de que hai pouco transito de viaxeiros non é válida, porque os servizos establecidos pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non son os axeitados para que as persoas poidan trasladarse combinando con outros transportes, para chegar ós seus centros de estudo, consultas médicas ou lugares de traballo.  

Neste senso, “tanto as rutas como os horarios non son os axeitados e polo tanto non lle son útiles ós cidadáns. Dende o Concello de Monforte, fixémoslle chegar á Xunta de Galicia propostas de itinerarios de transporte que uniran Monforte con Lugo, Ourense e Santiago en frecuencias e horarios útiles para os cidadáns, facendo caso omiso ata chegar a esta situación”, indicou o mandatario local.

Finalmente o rexedor municipal salientou que o “Goberno de Monforte non vai quedar calado diante destes recortes que prexudican claramente ós monfortinos e esixiremos que cumpran co compromiso de inversión para a mellora da Estación, e polo tanto do transporte en autobús. Este é un episodio máis do lamentable resultado que levou a cabo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade coa elaboración do Plan de Transporte de Galicia. Monforte merece un respecto e así llo imos esixir á Xunta”.