O Concello informa das novas restricións do aforo do Bus Urbano gratuíto de Monforte

Monforte de Lemos, 6 de novembro de 2020. O Concello de Monforte informa das novas restricións que afectan ó aforo máximo do Bus Urbano municipal, logo da publicación da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto, no artigo 3.25. “Transportes”, establécense dúas condicións que afectan ó transporte municipal de Monforte, e que entrarán en vigor a partir das 00:00 horas do sábado 7 de novembro.

Dunha banda, o “apartado b)” do citado artigo indica que “nos vehículos que realicen transporte regular de uso especial de escolares, poderase ocupar a totalidade dos asentos”. Deste xeito, o transporte escolar tanto do Colexio Novo como do Colexio A Gándara operará ó 100% de ocupación.

E doutra banda, o “apartado c)” sinala que “nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, garantirase que non se ocupen asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou habitacional”. Isto supón que o aforo máximo de persoas sentadas para o Bus Urbano de Monforte será de 11 persoas.

Finalmente, o “apartado d)” indica que “nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, establecéndose como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé en vehículos de clase I e A, e dunha sexta parte das ditas prazas de pé nos de clase II”.  Neste caso, so poderán ir de pé 2 persoas no Bus Urbano do Concello de Monforte.