O Alcalde convoca un Pleno Extraordinario para aprobar o Plan Especial

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a convocatoria dunha sesión extraordinaria da Corporación Municipal que contemplará como único punto da orde do día a aprobación definitiva do Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico do Concello de Monforte de Lemos (PEPCHA). Este Pleno Extraordinario celebrarase o vindeiro luns 16 de novembro ás 8 da tarde, tendo lugar a Comisión Informativa mañá mércores día 11 ás 9:30 horas.

Se todo se desenvolve segundo o previsto”, sinala o Alcalde, “o luns será un día histórico para Monforte, xa que será a primeira vez que se aprobe para a cidade un Plan Especial destas características”.

Toda vez que o documento do Plan foi aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local de 10 xullo de 2017 e o documento que incorpora o resultado do trámite de información pública cos informes técnicos ás alegacións, foi aprobado provisionalmente pola Xunta de Goberno o 11 de febreiro de 2019, o expediente do Plan Especial, foi entregado polo Alcalde e o equipo redactor do mesmo, o 28 de marzo de 2019, á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia.

Con data 17 de xullo de 2020, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu un informe favorable previo ó aprobación definitiva do PEPCHA do Concello de Monforte de Lemos. Posteriormente, informase favorablemente a aprobación do Plan Especial na forma establecida nos informes da Asesoría Xurídica da Deputación Provincial de Lugo de data 5 de outubro de 2020 e no Informe do Servizo de asistencia urbanística do Concello de Monforte de Lemos de data 21.09.2020 e no Informe da Oficina de Planeamento de data data 2 de novembro de 2020.

Deste xeito, o Pleno Extraordinario do vindeiro luns 16 de novembro levará para a súa aprobación os seguintes acordos.

En primeiro lugar, resolver as alegacións presentadas no período de información pública, de acordo cos informes presentados polo equipo redactor do planeamento, a Oficina de Planeamento S.A., con datas 31 de decembro de 2018 e 3 de novembro de 2020, obrantes no expediente, notificándollo ós interesados.

En segundo lugar, aprobar definitivamente o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte de Lemos na forma establecida nos informes da Asesoría Xurídica da Deputación Provincial de Lugo de data 5 de outubro de 2020 e no Informe do Servizo de asistencia urbanística do Concello de Monforte de Lemos de data 21 de setembro de 2020 e no Informe da Oficina de Planeamento S.A de data 2 de novembro de 2020.

En terceiro lugar, publicar o presente acordo, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia.

En cuarto lugar, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do Plan aprobado quedarán condicionadas ó cumprimento desta publicación e á inscrición do instrumento no Rexistro de Plans Urbanísticos de Galicia.

E en quinto lugar, notificar individualmente a aprobación definitiva do Plan Especial a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

 

Contido do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte

O expediente do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico do Concello de Monforte de Lemos que se levará a Pleno, contempla a totalidade da documentación esixida pola Lei 2/2016 de 10 de febreiro do Solo de Galicia e polo Decreto 143/2016, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia.

En concreto, as determinacións esixidas ó contido do Plan recóllense nos seguintes documentos:

  • Información Urbanística: recolle a parte informativa da Memoria do Plan, cos datos e as referencias precisas para a delimitación do ámbito de actuación e a definición das súas características concretas.
  • Memoria de Ordenación: recolle a parte xustificativa da Memoria do Plan, dos seus obxectivos e determinacións, así como o cumprimento da normativa sectorial e urbanística, e a súa coherencia coas Normas Subsidiarias Municipais de Planeamento aprobadas polo acordo do Pleno do Concello de Monforte de Lemos, con data 1 de outubro de 1985, vixentes.
  • Parte xustificativa: que establece a conveniencia e oportunidade da redacción do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico do Concello de Monforte de Lemos, dos seus obxectivos e determinacións, así como o cumprimento da normativa sectorial e urbanística, e a súa coherencia coas Normas Subsidiarias Municipais aprobadas polo acordo do Pleno do Concello de Monforte de Lemos, con data 1 de outubro de 1985.
  • Normativa Urbanística: que inclúe as Normas de protección do Plan Especial.
  • Catálogo de Protección: que que inclúe a relación de bens que deberán ser obxecto de conservación e mellora por formar parte do ámbito do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte de Lemos.
  • Estudo económico financeiro e programa de actuación que recolle a avaliación económica da implantación dos servizos e da execución das obras de urbanización.
  • Anexo de habitabilidade necesario en función da finalidade do Plan.
  • Planos de información a escala adecuada.
  • Planos de ordenación a escala adecuada.
  • Documento ambiental estratéxico que recolle a información requirida para producir a avaliación ambiental estratéxica simplificada, concluida co Informe ambiental estratéxico emitido por Resolución 15.02.2017 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DOG 22.03.17) incorporado á Memoria de Ordenación do Plan.
  • Anexo: Relación das persoas titulares dos terreos afectados polo Plan Especial, segundo datos catastrais.