O Concello colabora activamente no cribado masivo que o Sergas levará a cabo en Monforte

Monforte de Lemos, 3 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa sobre o dispositivo que vai poñer en marcha o Concello para colaborar no desenvolvemento do cribado masivo que o Sergas vai realizar en Monforte, previsto dende o vindeiro venres 5 ata o domingo 7 de febreiro.

Neste senso, dita colaboración foi solicitada ó Concello dende a Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, e tras conversas entre a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o xerente Ramón Ares, concretouse o dispositivo para levar a cabo dito cribado masivo.

Deste xeito, a colaboración do Concello de Monforte concrétase a través de medios técnicos e medios humanos, cun custe para o Concello que superará os 3.000 euros.

Dende o Concello, indica o Alcalde, “consideramos que a mellor ubicación para este cribado é o aparcamento existente entre o Campo de Fútbol e o Pavillón Polideportivo de A Pinguela, por ser un espazo aberto o suficientemente amplo para delimitar as catro filas de acceso dos vehículos dos cidadáns citados para o cribado, e porque conta cun acceso e unha saída independentes, facilitando así o tránsito seguro dos vehículos”.

En concreto, a entrada dos vehículos tería lugar pola rúa A Pinguela, bordeando por detrás dos edificios de vivendas, e saíndo por diante da Piscina Municipal para acceder á estrada Monforte-Sober.

A colaboración do Concello concrétase coa instalación dunha carpa de 20x10 metros, sufragada polo Concello, na que o Sergas ubicará os 4 puntos destinados á recepción e atención dos cidadáns citados para a realización das correspondentes probas.

Esta carpa estará dotada de conexión a Internet e electricidade, que facilita o Concello dende as instalacións deportivas próximas, para que o Sergas poida conectar os seus equipos informáticos, así como puntos de luz (iluminación) para facilitar o traballo dos sanitarios cando a luz natural non sexa suficiente.

Do mesmo xeito, dende o Concello tamén se desenvolverá, a través da Policía Local e dos Axentes da Cidadanía, o dispositivo de tráfico necesario para que o cribado masivo se leve a cabo con total seguridade. Deste xeito, levarase a cabo un control de tráfico, coa colocación das correspondentes sinais e indicacións para a regulación do tráfico na zona establecida para o cribado e establecendo un control ás entradas e saídas dos vehículos á dita zona, co fin de evitar posibles aglomeracións e que o proceso transcorra con normalidade.

Para a coordinación deste dispositivo de tráfico haberá unha patrulla de dous policías para cubrir os turnos correspondentes (mañá e tarde do venres, mañá e tarde do sábado, e mañá do domingo) e regular o tráfico tanto na entrada pola rúa A Pinguela como na saída á altura da Piscina para incorporarse á estrada de Sober.

Do mesmo xeito, en cada unha das quendas de mañá e de tarde sinaladas, na zona da carpa se situarán tres axentes da cidadanía, que serán os encargados de ordenar as 4 liñas de vehículos que deben entrar á carpa a facer ou deixar as mostras das probas do cribado.

Tendo en conta esta colaboración entre administracións, o Alcalde anima á cidadanía que sexa convocada a este cribado a que participe no mesmo, e reitera o compromiso do Concello monfortino en erradicar esta pandemia, a través de accións como esta e doutras postas en marcha polo Equipo de Goberno dende o inicio da crise sanitaria.