O Alcalde inaugura a tempada de catamaráns pola Ribeira Sacra, con máis de 260 reservas nesta Ponte de San Xosé

Monforte de Lemos, 19 de marzo de 2020. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres no embarcadoiro de Ponte do Sil a tempada de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra da institución provincial, que arranca con máis de 500 reservas, das que 260 son só para esta Ponte de San Xosé.

Ao acto celebrado esta mañá asistiron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Alcalde de Sober e presidente do Consorcio da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez; o Alcalde de Teixeira, Miguel Antonio Cid Álvarez; a Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro monfortino de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

José Tomé destacou que “o habitual nos últimos anos foi empezar as rutas a fin de semana antes da Semana Santa, pero nesta ocasión decidimos arrancar antes, aproveitando esta Ponte festiva, porque os catamaráns son unha oferta especialmente importante nesta situación de pandemia para axudar a recuperarse ós sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, como son o turismo, a hostalería e o comercio local”.

“A pesar das dificultades que supón a pandemia, quixemos, non só volver a apostar un ano máis polas rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, senón que quixemos empezar antes que nas temporadas pasadas, porque cremos que repercutirá positivamente no sector servizos desta comarca, que tanto o necesita”, dixo o mandatario municipal. José Tomé salientou que adiantar a data de inicio de funcionamento de catamaráns é “unha mostra da firme aposta da Deputación de Lugo por este servizo como dinamizador da economía e do emprego”, como tamén o son as obras que se están levando a cabo para mellorar e para regularizar as instalacións asociadas ás rutas. Unhas actuacións que servirán “para mellorar a experiencia dos viaxeiros”, sinalou.

Neste sentido, o Alcalde e Presidente provincial lembrou que en Ponte do Sil a Deputación de Lugo está a realizar os traballos previos necesarios para a instalación dun sistema de saneamento do Club Naútico, unha obra importante que regularizará a situación destas instalacións e que terá un impacto ambiental moi positivo. “Ao igual que estamos facendo en Ponte do Sil, vamos a seguir facendo obras para mellorar todas as instalacións náuticas que son de titularidade da Deputación de Lugo”, confirmou Tomé.

Efecto multiplicador en pernoitas e consumo

O Alcalde subliñou que os catamaráns “contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra,  en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo. Polo tanto, axudan á hostalería, ó turismo e ó comercio cando máis o necesitan, debido a grave crise que viven estes sectores polas restricións sanitarias”.

Ademais, engadiu, as rutas fluviais favorecen a proxección da Ribeira Sacra “no ano no que esta paisaxe cultural única está chamada a ser declarada Patrimonio da Humanidade", e “son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo, sobre todo neste momento marcado pola pandemia. O visitante busca alternativas ó aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”.

De feito, o ano pasado foron case 21.000 viaxeiros os que desfrutaron das viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra, unha cifra que José Tomé valorou como “moi importante, sobre todo tendo en conta que o servizo operou tres meses menos do habitual debido ó confinamento e tendo en conta as limitacións de aforo das embarcacións para a prevención da Covid”.

A día de hoxe xa hai máis de 500 reservas para toda a tempada 2021, das cales máis de 260 son só para esta fin de semana, unha cifra que puxo en valor o Presidente da Deputación, quen apuntou que “os datos poden ser aínda mellores que os desta previsión porque a xente planifica as súas saídas con menos antelación e hai moitas reservas de última hora”.

Rutas, reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo xa poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

O servizo de catamarán funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da Covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións está reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros non se produzan concentracións de persoas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola Covid-19. 

Esta fin de semana, do venres 19 ao domingo 21, e a do sábado 27 ao mércores 30 de marzo, haberá horarios de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo do Día das Letras Galegas, tamén o luns 17 de maio. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.