O Alcalde presenta a nova maquinaria para a limpeza viaria de Monforte, cunha inversión de 915.000 euros

Monforte de Lemos, 7 de abril de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe na explanada da Compañía a nova flota de vehículos e maquinaria destinados á  limpeza viaria tanto da zona urbana como das parroquias de Monforte. No acto estivo acompañado polo Director da Delegación Noroeste de FCC Medio Ambiente, Ernesto Barrio, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.

A adquisición destes novos elementos de limpeza viaria son froito das negociacións do Alcalde, José Tomé Roca, coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.

Deste xeito, “presentamos hoxe un total de 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria de limpeza, a partida máis importante adquirida en Monforte para renovar o servizo de limpeza viaria do noso Concello, cunha inversión de case 915.000 euros (914.611,38 €)” destacou José Tomé Roca, Alcalde da cidade.

A presentación serviu tamén para dar a coñecer a nova imaxe corporativa coa que se rotularon os novos vehículos e equipamentos adquiridos, imaxe deseñada polo Equipo de Goberno monfortino. O novo deseño corporativo inclúe a fotografía do conxunto de San Vicente e a Torre da Homenaxe, que está enmarcada polo lema “Monforte Limpo. Patrimonio de todos”.

Entre as melloras acadadas tralas negociacións que supuxeron a prórroga do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, subscrito entre o Concello de Monforte e FCC Medio Ambiente, a empresa concesionaria xa levou a cabo, dende principios deste ano 2021, a renovación de 297 papeleiras da cidade, por 43.938 euros, e a instalación en todo o Concello de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros (298.817,59 €). Coa inversión en vehículos e equipos presentada hoxe, supéranse os 1,2 millóns de euros (1.257.366,97 €) en melloras desenvoltas polo Concello no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade.

“Esta inversión en equipos de limpeza viaria terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto da cidade e das parroquias, porque ademais poremos en marcha novos servizos como son o decapado de pavimentos e a limpeza de maleza en camiños municipais, que suporán un complemento para a mellora xeral do servizo que prestamos ós nosos cidadáns”, destacou o rexedor monfortino na presentación.

Renovación da maquinaria empregada na limpeza viaria de Monforte

O contrato de prórroga subscrito entre o Concello de Monforte e a empresa FCC Medio Ambiente contempla a renovación da totalidade da maquinaria inicialmente adquirida para a prestación do servizo.

Ademais da renovación desta maquinaria, no acordo alcanzado entre o Alcalde e a empresa concesionaria do servicio, contemplouse a incorporación de varios equipos coa finalidade de poñer en marcha novos servizos, que puideran complementar e mellorar os servizos xa existentes. Así, como melloras do servizo adquiríronse:

  • Unha Decapadora/fregadora CMAR R2500, con auga quente a presión e reabsorción da auga sucia, que será empregada para limpeza a fondo de pavimentos, eliminando a manchas e sucidade incrustada ó longo do tempo.
  • Un Tractor New Holland T6.145 equipado con brazo para rozar maleza, roza de cadeas suspendida, pala cargadora con cazo, coitela e atomizador. Este vehículo será destinado a rozar as marxes dos camiños de titularidade municipal, e demais traballos de mantemento de vías e espazos públicos.

O resto da maquinaria adquirida é de similares características á contemplada na inversión inicial, incorporando as últimas melloras referentes a emisións, ruídos, ergonomía, tecnoloxía e eficiencia en xeral dos equipos.

Ademais, en substitución da inversión dos camións empregados para a colocación e recollida de cubos, que non están incluídos na partida de renovación de vehículos por non ser necesario renovalos, adquiriuse unha Baldeadora de beirarrúas de alta presión Mathieu Aquadyne MC 120, que permitirá un baldeo de calidade en zonas estreitas, paseos e rúas peonís.

Dos 10 vehículos adquiridos, na xornada de hoxe foron presentados 8 deles, xa que están pendentes de recepción unha nova baldeadora Iveco, así coma un furgón con hidrolimpador de alta presión e auga quente, os cales serán entregados nos vindeiros días.

A continuación pódense consultar as características dos equipos adquiridos para o servizo de limpeza viaria de Monforte no seguinte enlace:

Novos equipos limpeza viaria Concello Monforte