O Alcalde presenta o novo camión grúa que mellorará os servizos de mantemento do Concello

Monforte de Lemos, 22 de abril de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o novo novo camión grúa do Concello destinado a facilitar os traballos en altura das brigadas municipais de servizos, relativos ás labores de mantemento e conservación nas instalacións de alumeado público exterior. No acto estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

Este novo vehículo municipal para o departamento de servizos foi adquirido polo Concello á empresa Grúas y Autoventas Betanzos por un importe de 29.999 euros.

“Con este novo vehículo”, destacou o Alcalde, “facilitamos ó noso persoal de servizos a realización dos traballos en altura relativos ás labores de mantemento e conservación nas instalacións de alumeado público exterior, como pode ser a reposición de lámpadas, de equipos auxiliares, farois, etc. E o vehículo está equipado cos elementos necesarios para que se poidan desenvolver ditos traballos de forma segura e en condicións ergonómicas axeitadas.”

Ademais, o novo camión foi rotulado co logotipo do Concello, rotulándoo tanto nas súas portas como na caixa para os operarios ubicada no extremo da grúa.

Especificacións técnicas do vehículo con plataforma elevadora móbil de  persoal

O vehículo con plataforma elevadora móbil para persoas é un camión modelo NISSAN NT400 CABSTAR. O camión está homologado, dispón de declaración CE de conformidade, cumpre as condicións de seguridade para este tipo de vehículos de uso público e é apto para ser conducido por persoas con carné do tipo B.

O vehículo adquirido polo Concello dispón dunha ampla maniobrabilidade, e conta cun reducido consumo de combustible e mínimas emisión.

Características técnicas do camión

O camión modelo NISSAN NT400 CABSTAR conta cunha cabina de 3 prazas (incluído condutor), de MMA ata 3500 kg e acabado en color branco, e está rotulado co escudo do Concello de Monforte, tanto nas portas do vehículo como na cabina destinada ós operarios. Conta coas seguintes características técnicas:

  • Chasis ríxido
  • Motor diésel de aproximadamente 120 CV de potencia.
  • Caixa de cambios manual.
  • Freos de disco dianteiros e traseiros.
  • Kilometraxe máxima de 115.000 km.

 

Características técnicas da plataforma elevadora de persoas

Os requisitos técnicos da plataforma son:

  • Altura máxima de traballo de 15 metros para 2 operarios.
  • Capacidade da cesta : 2 operarios.
  • Xiro de cesta: 50º.
  • Mandos de accionamento: duplicados.

 

Extras do conxunto

  • Contador de horas de funcionamento.
  • Toma de corrente na cesta.
  • Armario lateral para material e ferramentas.
  • Caixa de ferramentas para axustar na cesta.
  • Porta escaleiras.
  • Calzos para as rodas.
  • Luces de sinalización rotativas.
  • Sinal sonora marcha atrás.
  • Rotulación personalizada do Concello de Monforte