O Concello licita a renovación de todo o alumeado de Monforte, da zona urbana e da rural

Monforte de Lemos, 30 de abril de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou hoxe a licitación dos proxectos de renovación da iluminación pública  de todo o Concello, tanto na zona urbana como en todas as parroquias da zona rural. Deste xeito, todas as empresas interesadas en presentar as súas ofertas terán de prazo 26 días naturais, é dicir, ata o mércores 26 de maio, incluído.

Este proxecto, gracias ó cal Monforte será o primeiro concello en renovar todo o seu alumeado público con tecnoloxía Led, contará cunha inversión de 3.216.160,65 euros (IVE incluído). Na zona rural, o orzamento base de licitación é de 1.728.959,93 euros, e na urbana ascende a 1.487.200,72 euros, en ambos casos, co IVE incluído. “Estes dous proxectos supoñen sen dúbida a maior inversión de alumeado público que se fixo nunca no Concello de Monforte”, resalta o Alcalde.

A través deste proxecto, serán colocadas 5.749 farolas novas de tecnoloxía Led e tamén serán renovados a totalidade dos cadros eléctricos, 195 unidades, que dan soporte ás luminarias de todo o Concello.

O rexedor municipal engadiu que “grazas a este proxecto, Monforte será o primeiro concello en renovar totalmente todas as instalacións de alumeado público con tecnoloxía LED, en todas as rúas da cidade e en todas as parroquias.” Neste senso, Tomé Roca tamén salientou que “esta é a primeira vez na historia do Concello que a inversión nas parroquias é máis grande que na zona urbana, o cal demostra o compromiso deste Equipo de Goberno pola zona rural da nosa cidade, para que os veciños que viven nas parroquias teñan os mesmos servizos que os veciños que viven na zona urbana”.

Para poder realizar esta inversión, o Equipo de Goberno do Concello xestionou unha axuda co Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, o Ministerio aportará o 80% do custe total deste importante proxecto de renovación  e o 20% restante, será aportado polo Concello.

O Alcalde agradeceu o apoio amosado polo Ministerio para la Transición Ecológica neste importante proxecto e salientou que “Monforte rematará este mandato sendo o Concello mellor iluminado”.


Foto arquivo de setembro 2020, da presentación do proxecto de renovación de todo o alumeado de Monforte, a cargo do Alcalde, José Tomé Roca e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada

Prazos

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas terán de prazo 26 días naturais, é dicir, ata o mércores 26 de maio, incluído.

Unha vez pechado o prazo de presentación de ofertas, a continuación celebraranse 3 mesas de contratación. O xoves 27 de maio, terá lugar a mesa para a apertura de ofertas administrativas,  luns 31 de maio procederase a abrir os sobres das ofertas técnicas, e o luns 7 de xuño,  abriranse os sobres cos prezos ofertados e aplicaranse os criterios de valoración.

Unha vez adxudicados os dous proxectos, o prazo de execución para ambos será de 12 meses.

 

Habilitación empresarial e criterios de adxudicación

A clasificación esixida polo prego de cláusulas administrativas para as empresas que queiran optar a estes dous proxectos require da seguinte habilitación empresarial:

  • Grupo I: instalacións eléctricas.
  • Subgrupo 1: alumeados, iluminacións e balizamentos luminosos.
  • Categoría 4: contía superior a 840.000 euros e inferior ou igual a 2.400.000 euros.

Por outra banda, os criterios de adxudicación serán os seguintes:

Para a zona rural:

  1. Memoria técnica: ata 20 puntos.
  2. Prezo: ata 10 puntos.
  3. Fomento de estabilidade do emprego: 10 puntos.
  4. Ampliación da garantía (de 5 a 10 anos): 10 puntos.
  5. Renovación cableado monofásico: ata 10 puntos.
  6. Apoios adicionais formigón HV-250: ata 10 puntos.
  7. Apoios adicionais formigón HV-400: ata 10 puntos
  8. Columnas/báculos metálicos ata 10 m: ata 7 puntos.
  9. Renovación de cableado trifásico: ata 7 puntos.
  10. Obra civil de canalización subterránea: ata 3 puntos.
  11. Acondicionamento de apoios: ata 3 puntos.

Para a zona urbana:

  1. Memoria técnica: ata 20 puntos.
  2. Prezo: ata 10 puntos.
  3. Fomento de estabilidade do emprego: 10 puntos.
  4. Ampliación da garantía (de 5 a 10 anos): 10 puntos.
  5. Iluminación específica para pasos de peóns: 10 puntos
  6. Renovación de cableado monofásico: ata 10 puntos.
  7. Luminaria tipo “Monforte de Lemos”: 9 puntos.
  8. Renovación de cableado trifásico: ata 5 puntos.
  9. Substitución de luminaria completa en vez de retrofit: ata 5 puntos.
  10. Obra civil de canalización subterránea: 4 puntos.
  11. Substitución de cadros representativos con telexestión: 4 puntos.
  12. Acondicionamento de apoios: ata 3 puntos.

 

Aforro enerxético e amortización da inversión

A actual potencia que ten contratada o Concello de Monforte cos diferentes subministradores de enerxía é de 811,47 kW/hora, e cando estea rematada a totalidade da nova iluminación pública, será de 252,94 kW/h, o que suporá unha redución de 558,53 kW/h.

En termos de consumo, no cómputo anual en iluminación pública, o Concello pasará de consumir 3.489.334 kW/ano a consumir 715.817 kW/ano, o que supón unha baixada de 2.773.517 kW/ano.

Actualmente, o custe do alumeado público do concello é de 383.826,74 euros/ano, e co novo alumeado o custe baixará ata os 100.214,38 euros, supoñendo un aforro de 283.612,36 euros/ano.

Co aforro en custes que se vai producir cada ano, a inversión que aporta o Concello para este proxecto amortizarase en 2,5 anos, dado que o aforro anual chegará case os 284.000 euros.

“Tamén”, sinalou o Alcalde, “con esta actuación contribuímos a fomentar para o Concello unha economía baixa en carbono, coincidindo coa tendencia que marca a Unión Europea e España, axudando así a potenciar un desenvolvemento ecolóxico da nosa cidade”.