O Alcalde e Presidente da Deputación presenta en FITUR a aposta por un turismo de calidade como unha fortaleza para o sector no escenario post-Covid

Monforte de Lemos, 20 de maio de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe a campaña “Lugo, la provincia es tu camino” na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Tomé Roca puxo en valor a aposta da provincia polas iniciativas baseadas na experiencia, afastadas das masificacións, que están en marcha e que se ven revalidadas pola pandemia da Covid-19.

O acto, que se desenvolveu no stand de Galicia, estivo moderado polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia de Lugo e protagonista dunha das pezas audiovisuais que a institución provincial deu a coñecer nesta cita. Tamén participaron a  Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Primeira Tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.

“Nesta ocasión FITUR ten un simbolismo especial, porque FITUR simboliza o punto de partida da recuperación do turismo e, por suposto, con sentido común, coa máxima prudencia e tamén con responsabilidade”, apuntou Tomé. “Levamos anos traballando nun modelo de turismo sustentable, de calidade e que funciona. É o momento de afianzar os nosos proxectos e seguir apostando por programas deseñados para apoiar e traballar da man do sector, favorecendo o desenvolvemento socioeconómica da provincia, que pon en valor o patrimonio e crea emprego”, insistiu o Presidente e Alcalde de Monforte.

Tomé Roca explicou que a provincia de Lugo parte con vantaxe e con moitas oportunidades na nova realidade transformada pola pandemia. “A nosa sorte é a nosa esencia. E a Deputación de Lugo está a traballar para axudar a acelerar a recuperación do noso sector turístico con iniciativas que reforzan ese modelo como os Bonos Impulso, accións como o programa Actívate ou na organización de actividades ao aire libre como Coñece a túa provincia”, subliñou.

O tema central do acto foi Camiño de Santiago. “O Ano Santo brinda tamén unha oportunidade importante para a recuperación do noso sector. A ruta Xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo. A nosa provincia é moi rica en rutas peregrinas e por iso subliñamos a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos”. Pola provincia de Lugo transcorren tres rutas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade: trátase do Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. Ademais, polo sur da provincia pasa outro itinerario oficial: o Camiño de Inverno, un percorrido elixido nos meses máis fríos do ano polos peregrinos medievais que desexaban evitar os nevados cumes do Cebreiro.

A Deputación de Lugo proxectou tres pezas audiovisuais que puxeron de relevo as oportunidades e fortalezas da provincia, remarcadas na marca En Lugo, si e tamén das experiencias que o Camiño achega a todas as persoas que escollen un ou outro percorrido, pasando por numerosos bens patrimoniais de gran relevancia cultural. “O Camiño é unha oportunidade para coñecer o patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico da nosa provincia de Lugo, pero tamén amosa como somos a veciñanza da provincia, xente amable e acolledora”, sinalou o Presidente.

Tomé Roca apuntou que “xa vemos a luz ao final do túnel, pero temos que ser prudentes. A provincia está preparada para recibir visitantes e ofrece un bo abanico de posibilidades”. A Deputación de Lugo destina 3M€ ao ano ao desenvolvemento turístico, co fin de continuar mellorando e lanzando novas iniciativas.

   

Monforte e a Ribeira Sacra, protagonistas en Fitur

A presentación dentro da campaña “Lugo, la provincia es tu camino” serviu tamén para achegar a Fitur a crecente potencialidade da Ribeira Sacra e de Monforte de Lemos como destinos turísticos en auxe.

A 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, foi a encargada de salientar que “Monforte e a Ribeira Sacra, da que a cidade é capital, están de moda, algo que é froito dun traballo intenso e ben feito de moitos anos. A declaración desta zona como Patrimonio da Humanidade supoñerá un fito de primeiro nivel no ascenso turístico que estamos experimentando”.

Neste senso, Monforte e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que dá boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking da Xunta dos 10 lugares únicos en Galicia”, destacou Prada.

Na súa intervención, a Tenente de Alcalde tamén fixo un repaso pola importante oferta turística que ofrece a cidade, dende o conxunto de San Vicente, que alberga a icónica Torre da Homenaxe ou o Parador de Turismo, pasando polo Casco Histórico declarado Ben de Interese Cultural en 1973, os Escolapios –o “Escorial galego”-, os museos da cidade, ou o Miradoiro do Duque, sen esquecer a oferta gastronómica, vinícola –grazas á “viticultura heroica”-, e de eventos como a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as Festas Patronais.

 

Promoción nos stands da Asociación Castillos y Palacios de España e da Red de Juderías.

O Alcalde participou nun acto promocional no stand da Asociación Castillos y Palacios de España, á que pertence o Concello de Monforte, a través da Torre da Homenaxe.

Deste xeito, Tomé Roca, concedeu unha entrevista á Radio Viajera Podcast, na que deu a coñecer a oferta e o potencial turístico de Monforte e da Ribeira Sacra.

Ademais, o Alcalde mantivo tamén un encontro de traballo co presidente da Asociación, Javier Soto.

O mandatario monfortino tamén aproveitou a súa estancia en Fitur para visitar outra das asociacións das que é membro o Concello de Monforte, a Red de Juderías de España. No seu stand departiu co Alcalde de Ávila, Jesús Manuel Sánchez Cabrera, que tamén é membro da Red.