O Alcalde sobre o AVE: “Hoxe é un día histórico para os galegos e galegas e para o conxunto do Estado”

Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2021. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns na viaxe inaugural do AVE Madrid-Galicia que estivo presidida polo Rei Filipe VI xunto co Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, a secretaria de Estado do Ministerio, Isabel Pardo de Vera, a presidenta do Adif, María Luisa Domínguez, así como o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades.

O tren, que partiu de Madrid dende a estación de Chamartín ás 9:42 horas, efectuou paradas en Zamora e A Gudiña, nesta última foi na que se sumou o Alcalde monfortino. O traxecto rematou en Ourense cun acto institucional.

Tomé Roca expresou que “hoxe é un día histórico, un día de satisfacción para todos os galegos e as galegas, e para o conxunto do Estado porque o equilibrio na vertebración e nas comunicacións é, sen dúbida, un dos mellores xeitos de facer país”. Manifestou que “estamos antes un fito histórico que acadamos grazas ó Goberno de Pedro Sánchez, un goberno de progreso que demostra con feitos o seu firme compromiso con Galicia”.

Nas súas palabras recalcou que “este día puido chegar antes, o AVE puido chegar antes a Galicia, pero tamén é certo que non foi posible polo frenazo que o Goberno do PP no Estado lle impuxo aos proxectos e aos investimentos no tren”. Explicou que así o dixo o Tribunal de Contas evidenciando que na provincia de Lugo “anularon o contrato da estación intermodal de Lugo e deixaron caducar o estudo de impacto ambiental da variante de Canabal que xa estaba iniciada”.

“Abrimos unha nova etapa na mobilidade das persoas na que temos que seguir avanzando, ademais de seguir traballando por desenvolver as grandes rutas ferroviarias de transportes e mercadorías”, subliñou.

O mandatario municipal salientou que coa chegada do AVE a Ourense, “Monforte de Lemos e Lugo estamos máis cerca da capital do Estado e agora toca executar os contratos que a día de hoxe están en marcha por un investimento de máis de 546M€ que van mellorar a vía ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo para poder chegar a Madrid no mesmo tempo que A Coruña e Vigo, un obxectivo realmente importante”.

Esta nova liña ferroviaria mellorará seus tempos de viaxe con Madrid, acortando 57 minutos a duración do traxecto, á vez que se aumentan a oferta de conexións, cun aumento significativo no número de servizos pasando dos 3 actuais ata os 4.