O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación apoia ós xóvenes empresarios, que son exemplo de emprendemento

Monforte de Lemos, 4 de marzo de 2022. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na tarde de hoxe na inauguración do acto de entrega dos VIII Premios AJE Lugo, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo no Parador de Turismo monfortino.

Na súa intervención, o rexedor municipal puxo en valor o compromiso de AJE “coa promoción e coa difusión da cultura emprendedora, coa innovación empresarial e coa creación de emprego” e recoñeceu a importancia dos empresarios e empresarias galardoados, que “representan o talento e a capacidade de emprendemento que precisa Monforte, a Ribeira Sacra, a provincia de Lugo e Galicia para progresar”.

Os Premios AJE constitúense coma unha mostra “do talento, das ideas e das oportunidades que ten a nosa xente nova e o noso territorio”, un territorio do que o Presidente insistiu en desterrar o calificativo de baleiro: “Non hai unha provincia de Lugo baleira, nin unha Galicia baleira. Hai unha provincia de Lugo e unha Galicia chea de talento, de ideas e de oportunidades”.

 

Aposta polo investimento público no tecido empresarial

Do mesmo xeito, o mandatario municipal e provincial reivindicou o desenvolvemento de políticas públicas axeitadas para apoiar o potencial que as empresas teñen tanto a nivel local,  coma provincial e autonómico, algo que “dende a Deputación de Lugo e dende o Concello de Monforte temos moi claro”.

Así, José Tomé subliñou o seu “apoio firme e decidido” ó sector empresarial posto que “un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e no fortalecemento, a diversificación e a competitividade do noso tecido empresarial. Porque empresa significa emprego, e emprego significa poder construír un proxecto vital”.

O Alcalde e Presidente provincial tamén recordou o compromiso permanente de colaboración co tecido empresarial das dúas administracións que xestiona, compromiso que foi especialmente intenso coa chegada da pandemia da Covid-19, momento en que dende ambas institucións se puxeron en marcha  plans especiais de apoio ós sectores produtivos para axudar a paliar os efectos da crise sanitaria. “E fixémolo con recursos propios, porque as deputacións e os concellos non recibimos nin un euro extra para poder afrontar esta situación excepcional, ó contrario doutras administracións, como as comunidades autónomas, que sí recibiron cuantiosos fondos”, salientou Tomé Roca.

Na mesma liña, José Tomé destacou que o importante “é saber utilizar os recursos que temos con eficacia e con intelixencia, e neste sentido, os fondos europeos que conseguiu o Goberno de España para a recuperación e a transformación deste país son unha oportunidade histórica, que as administracións debemos aproveitar ao máximo para poñer a disposición da sociedade e da economía”.

 

 

Compromiso co desenvolvemento empresarial dende a Deputación de Lugo

O mandatario provincial resaltou a aposta que dende a Deputación de Lugo se fai polo emprendemento e polo valor engadido a través da transferencia de coñecemento ó tecido empresarial.

Neste senso, destacou que “a Deputación de Lugo é, a día de hoxe, a institución provincial de toda España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública”.

Unha Universidade coa que a Deputación colabora en proxectos como o da Granxa Gayoso Castro, “que é un auténtico motor para un sector estratéxico para a provincia, como é o sector primario”, asegurou José Tomé.

O Concello de Monforte, co tecido empresarial

O mandatario monfortino tamén salientou o compromiso do seu Equipo de Goberno co eido empresarial, e que se traduce na posta en marcha de accións coma o Programa de fomento da iniciativa empresarial, polo que dende o Concello se conceden anualmente axudas ás empresas que xeren novos postos de traballo ou de autoemprego.

Tamén destacou a posta en marcha dende o Concello de diversos Obradoiros de Emprego o longo dos últimos anos, así como do programa Coworking Ribeira Sacra, que este ano alcanzará a súa 6ª edición e do que saen novos proxectos de negocio.

 

O Polígono do Reboredo, unha oportunidade de chan industrial para os empresarios

O Alcalde de Monforte tamén salientou o traballo desenvolvido dende o Goberno municipal para dinamizar e impulsar o Polígono industrial do Reboredo, “un polígono no que hai uns anos ninguén cría, do que ninguén falaba, e que dende o Concello decidimos dinamizar e desenvolver, a través dun intenso programa de promoción e dunhas melloras moi importantes”.

Así, Tomé Roca salientou a demanda crecente de chan industrial neste polígono, do que actualmente so queda 3 parcelas por vender, demanda que fai que sexa necesario amplialo, proxecto que o Concello xa ten en marcha.

E en relación coa oferta destinada a novas empresas, o rexedor municipal anunciou que xa está a piques de rematar a creación dun Viveiro de Empresas municipal neste polígono, o cal estará destinado á implantación inicial e á consolidación de novas empresas.

 

VIII Premios AJE en Monforte

O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación estivo acompañado neste acto pola Presidenta de AJE Lugo, Noelia López López, o Presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo Fandiño, pola Subdelegada de Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López, polo Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo Vicepresidente Segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, entre outras autoridades, así coma un nutrido grupo de empresarios e empresarias locais e provinciais.

Os premiados e premiadas foron os seguintes:

-Na categoría de Accésit Innovación 2021: INNOGANDO

-Na categoría de Accésit Responsabilidade Social Empresarial 2021: MEDRAR SMART SOLUTIONS

-Na categoría de Premio Xove Iniciativa Emprendedora 2021: MFC.ARQ

-Na categoría de Premio Xove Empresario/a 2021: ESTATI.CO

 

O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo concluíu a súa intervención felicitando ós gañadores e gañadoras desta 8ª edición dos Premios AJE Lugo, ós que lles pediu “que sigan adiante coa súa idea de negocio, con empuxe e con  ilusión, para que nos axuden a configurar un tecido empresarial forte e de referencia na nosa cidade, na comarca e na provincia, que cree emprego e riqueza”.